O Iveco Uvigo chega á final da Copa Xunta por sexto ano consecutivo

Imprimir
374carlos_blancoO Iveco Universidade clasificouse para disputar a final da Copa Xunta de Galicia de rugby tras gañar ao Lalín RC por 60 a 0 no estadio lalinense do Manuel Anxo Cortizo, nas semifinais do campionato.

O xogo do equipo olívico foi de gran nivel e deixou moi conforme ao adestrador David Monreal, que desexa rematar a tempada con resultados positivos. A fin de semana espera o CRAT da Coruña, que curiosamente se presenta na final sen disputar ningún partido por un calendario incomprensible, ao contrario que o Iveco Universidade, que xa disputou as súas dúas eliminatorias previas. Os rivais do CRAT, Muralla e Os Ingleses/Ourense, renunciaron a xogar en cuartos e semifinais, respectivamente.

A xunta directiva do club vigués pretende que a final se xogue nas Lagoas Marcosende, á espera de que o confirme a Federación Galega de Rugby. O Vigo Rugby leva doce títulos dende 1993. E non perde un dende a tempada 2005/2006. Repetirase a final do ano pasado.

Pola súa banda o Universidade de Vigo xuvenil desfíxose do CRAT por 19-7 cun gran nivel de xogo e con algúns xogadores que a próxima tempada estarán a disposición de David Monreal no primeiro equipo. Tamén disputará a final da Copa Xunta.

Carlos Blanco e o "seven"

A selección española de rugby a sete realizou un gran labor no pasado torneo de "seven" de Edimburgo nas Series Mundiais da IRB. Clasificouse terceiro do seu grupo logo de perder por axustados marcadores ante Gales (7-5) e Inglaterra (22-12), e gañar a Portugal (7-5). Ao seguinte día xogou pola Copa Bowl, gañando o primeiro partido a Rusia (7-0), pero logo non puido en semifinais ante Kenia, coa que perdeu por 40-0. Balance xeral positivo para Carlos Blanco, que coa selección española xogou de igual a igual ante os mellores xogadores do mundo da especialidade.