O VRAC que é o último campión de liga, visita o campo do CUVI como actual líder da competición logo de adiantar ao Gernika, que lle segue con 7 puntos menos, nun momento no que o Blusens Universidade de Vigo non atopa, non só o seu nivel de principios de ano, senón tamén aquelas facetas do xogo que son a súa bandeira, como a defensa, o xogo á man e o sacrificio permanente para ir buscar o partido.

Un partido complicado pero non imposible ante o equipo pucelano, que a última semana sufriu algunhas baixas por lesión, pero aínda así cun equipo amplo, e adestrado polo mítico puma arxentino Lisandro Arbizu. Monreal e Mera preparan o partido facendo fincapé na necesidade de garantir a permanencia unha vez que practicamente se perdeu a posibilidade de acceder aos primeiros seis postos que dan acceso aos play- offs polo título, agora a 13 puntos. Pola contra, o Hernani, o equipo que se atopa en postos de promoción polo descenso, está a tan só 6 puntos, e esta fin de semana desprázase a Alicante para xogar ante La Vila, na última posición con 14 puntos.

O corpo técnico recuperará a David Redondo tras a súa sanción pola expulsión en Sevilla hai 3 xornadas, e está por verse a recuperación de Óscar Ferreras tras a súa fractura nun dedo polgar. Algúns xogadores tocados o pasado domingo en Getxo van vendo a súa evolución como Berlande ou Adrián Fernández.

O partido xogará o sábado ás 16 h no CUVI.