Cabecera Vide

O Blusens Universidade de Vigo bate o VRAC por 18 a 12

tito_en_pick_and_goO Blusens Universidade gañou, o pasado sábado, novamente ao líder da competición. Se hai un mes o que saíu derrotado de As Lagoas Marcosende foi o Bizkaia Gernika, esta vez foi o último campión e actual líder da División de Honra, o VRAC Quesos Entrepinares. O resultado final foi de 18 a 12 cimentado abrigo nunha segunda parte na cal o acoso vigués non permitiu saír ao equipo pucelano da súa propia zona de 22.

Comezaba o partido cun As Lagoas Marcosende embarrado polas chuvias da noite anterior e cun público seguidor que non fallou á cita e que gozou dun memorable partido do Blusens Universidade, dos que achegan o rugby á afección. Monreal e Mera non deran a aliñación ata finalizar o adestramento da noite anterior esixindo aos xogadores do equipo máxima entrega para gañar un lugar no XV inicial e  na convocatoria. O equipo saíu a xogar con moita intensidade nun terreo que en principio lle era favorable e foi así como aos 11 minutos chegou o primeiro ensaio do partido por medio do tongano Talakai logo dunha xogada persoal de Moeke que rompía a liña defensiva e pasaba ao piar para que pousase na bandeira. Despois duns minutos de presión local era o equipo visitante o que pasou a dominar o partido nesta primeira parte, aínda que o Blusens Universidade defendía ben. Froito da presión chegaron os 2 ensaios do Quesos, ambos os dous por medio do forte flanker Molina, no minuto 24 e no 34, logo dunha touche, este último transformado polo apertura Griffiths. O equipo vigués intentouno nos últimos minutos e a punto estivo de apoiar o oval na zona de marca, pero a grande xogada de equipo quedou a 2 metros mentres o árbitro decretaba o descanso cun 5 a 12 a favor dos visitantes.

carlos_traslada_el_ovalO segundo tempo comezou como rematara o primeiro, co Blusens Universidade premendo en todo o campo os pucelanos que en contadas ocasións saíu da súa zona de 22. O pack de dianteiros vigués xogaba o pick and go e facía sufrir ao Quesos en defensa, con Blanco, Talakai e López Márquez percutindo por un lado ou outro. Foron varios os golpes de castigo cometidos polo equipo pucelano que o equipo vigués xogaba mediante loita ou á touche xa que se sentía confiado. Dous deles foron xogados a paus e foi así como Moeke achegou o tanteador a 11 a 12 con 20 minutos por xogarse. O público envorcouse co Blusens Universidade durante todo o partido e o alento chegou aos xogadores que a falta de 3 minutos e tras varias fases de ataque na que intercalaban tres cuartos e dianteira, Moeke rompía a defensa e pousaba o oval moi centrado, que coa patada poñía o que sería o definitivo 18 a 12 para delirio xeral. O Quesos intentouno á desesperada xa que necesitaba un ensaio transformado pero o Blusens Universidade ben plantado e moi concentrado non pasou perigo para levar un triunfo que volve engadir un novo capítulo na historia do rugby vigués e galego.

O Blusens Universidade de Vigo suma desta forma 4 puntos e dorme con 10 de vantaxe sobre o Hernani, o equipo en promoción, que o domingo xoga ante La Vila, o último clasificado que xoga o descenso directo neste partido. O próximo partido será en Valladolid ante El Salvador o próximo sábado 6 de abril. De momento o triunfo foi celebrado por xogadores pola forma en que se conseguiu e a entidade do rival, e polo público que non se retirou ata que os xogadores se foron aos vestiarios logo dos tradicionais mergullos nos charcos de As Lagoas.


BLUSENS UNIVERSIDADE VIGO 18: Juan Rodríguez, Vicente Prieto, Latu Talakai, Carlos López, Chris McLaren, Javier Abadía, Francisco Usero, Alejandro Blanco, Joaquín Maguna, Ash Moeke, Carlos de Cabo, Isaia Tuifua, Javier Parga, Basilis Katsakos e Adolfo Rodríguez Uruburo. También jugaron Marcos Muñiz, David Redondo, Rubén Rodríguez e Mauro González.
VRAC QUESOS ENTREPINARES 12: Francisco Blanco, Santiago Ovejero, Federico Abente, Ángel de la Calle, César Pardo, Ignacio Molina, Stefano Tucconi, Carlos Gavidi, Manuel Sevillano, Gareth Griffiths, Diego Gorosito, Lisandro Arbizu, Javi Ortega, Diego Villamor e Ignacio Gutiérrez Muller. También jugaron Steve Barnes, Alberto Pastor e Álvaro Ferrández.
Tanteador: 0-5, min. 11: Ensaio de Latu Talakai; 5-5, min. 24: Ensaio de Ignacio Molina; 5-12, min. 34: Ensaio de Ignacio Molina, transforma Griffiths; 8-12, min. 48: Golpe de castigo transformado por Ash Moeke; 11-12, min. 60: Golpe de castigo transformado por Ash Moeke; 18-12, min. 77: Ensaio de Ash Moeke que transforma el mesmo.
ÁRBITRO: Sergi Figueruelo (comité catalán). Amoestou temporalmente a Diego Álvarez Gorosito.
INCIDENCIAS: Encontro correspondente á décima xornada de División de Honra celebrada no campo de As Lagoas Marcosende (CUVI) de Vigo. Unhas 600 persoas pesar das inclemencias do tempo.
As fotografías son de Diego Dolan.