Cabecera Vide

Torneo Internacional Touch Rugby do Vigo Rugby

O Vigo Rugby organiza este sábado, dende as 10.30 h nas instalacións do Campus Universitario da Universidade de Vigo, o torneo pola 4ª serie que pecha o circuíto nacional da especialidade de Touch Rugby, modalidade que cada vez máis gaña máis adeptos tanto en España coma noutros países con tradición de rugby.

Para este torneo inscribíronse sete equipos, Vigo Touch e Vigo Touch Cíes por parte local, Touch La Laguna (Canarias), Touch Valencia, Touch Sevilla, un combinado de Lisboa e Coimbra (Portugal) e Touch Getxo, polo que haberá unha ampla representación de toda a península e Canarias.

Despois das 3 primeiras citas (Canarias, Barcelona e Valencia) Touch La Laguna encabeza o circuíto con 4 puntos de vantaxe sobre Touch Valencia. Se La Laguna chega á final proclamaríase campión nacional. Valencia necesita quedar campión e que La Laguna non chegue á final para ser os vencedores do circuíto. Vigo Touch non parte con ningún punto porque a única serie que xogou, en Barcelona, quedou anulada debido á mala climatoloxía a pesar de obter o 5º posto entre 12 equipos.

As principais características do Touch Rugby é a sinxeleza nas regras, comparadas coas doutras modalidades do rugby (non hai placaxes, loitas, rucks, mauls, touche), e os requisitos son mínimos no equipamento e o contacto. Por este motivo os equipos adoitan estar compostos de forma mixta, tanto por home coma por mulleres.