Cabecera Vide

Primeiro partido de pretempada do Blusens

vigo_rugbyO Blusens Universidade de Vigo desprazarase este sábado 24 de agosto ata Tordesillas invitado polo VRAC Queixos Entrepinares, o último campión ligueiro, para disputar o primeiro partido de pretempada no IX Trofeo Memorial Hermosilla. O partido xogarase ás 20.00 h.

Monreal non poderá contar cos xogadores neozelandeses que chegarán a Vigo a próxima semana, aínda que si o fará co resto de xogadores, incluída a última incorporación, Jérémy Simon, que moi probablemente arranque no posto de apertura, xa que o corpo técnico o quere ver en acción.

O equipo leva xa tres semanas de pretempada no Club de Campo de Vigo, facendo fincapé no traballo físico e táctico, aínda que sen a posibilidade de facer adestramento con contacto físico ao non estar resolta a cuestión do seguro federativo, que debería resolverse á maior brevidade, sen o cal dende o club se prefire non arriscar por se se producisen lesións.

Como segundo partido de pretempada Monreal está a preparar un encontro entre o primeiro e segundo equipo do club para o día 31 de agosto, coa incorporación dalgúns xogadores doutros equipos galegos, antes do comezo da liga que será o próximo sábado 14 de setembro ante o CR Cisneros, con horario a confirmar.