Blusens Universidade de Vigo caeu en Tordesillas ante o equipo pucelano por 49 a 5, resultado final ao que se chegara cun parcial de 21 a 0 en contra ao descanso. O equipo vigués non puido contar para este partido con Carlos de Cabo nin Mariano Berlande. Tampouco o fixo coas incorporacións neozelandesas que chegarán a Vigo o próximo mércores.

O que si debutou foi o francés Jérémy Simon no posto de apertura deixando moi boas sensacións. No partido amigable Monreal e Mera ensaiaron algúns movementos que se veñen practicando en pretempada e puideron debutar algúns xogadores xuvenís.

Agora ao Blusens Universidade de Vigo quédalle un amigable entre os dous equipos senior do club con algúns reforzos de equipos galegos, partido que se disputará o sábado 31 de agosto en campo a definir na semana.