Cabecera Vide

O Blusens Universidade de Vigo cae en Madrid por 26 a 13

Vigo_Rugby_At._MadridO Blusens Universidade de Vigo caeu onte na súa accidentada viaxe a Madrid ante o Rugby Atlético de Madrid por 26 a 13, nun partido parello e con momentos de bo xogo por parte do equipo vigués aínda que repetindo algúns erros no xogo, sobre todo pola frouxa defensa na liña, en partido que nunca deu a sensación de poder controlar malia ter grande parte da iniciativa.

A xornada comezaba con traspié para o Blusens Universidade xa que o voo que debía levalo a Madrid dende Santiago de Compostela con la compañía Ryanair á hora prevista das 8.30 h, acabou partindo finalmente ás 13.30 h, logo de cinco horas de longa espera en Lavacolla. Por este motivo, o Rugby Atlético de Madrid aceptou atrasar o partido dende as 13.00 h previstas orixinalmente ata as 16.00 h.

Chegou con media hora de marxe ao campo de Tres Cantos en Madrid o equipo vigués, parecía motivado, pero que aos 15 minutos xa perdía por 12 a 0. Intentábao máis o Blusens Universidade pero o conxunto local facía un rugby sinxelo e aproveitábase da frouxa defensa para avanzar metros, aínda que dispoñía de menos ocasións. Aínda así nunha das xogadas, ben comandada por Maguna na circulación do balón, facíao chegar á punta para que Uruburo pousase o único ensaio visitante para poñer o 12 a 7. Un ensaio máis do Aleti e un golpe pasado por Graham deixaban as cousas ao descanso por 19 a 10.

O inicio do segundo tempo parecía dar forzas ao Blusens Universidade de Vigo que conseguía achegarse no marcador cun esperanzador 19 a 13 cun golpe pasado por Graham, iso si, logo de varias xogadas de ataque que non remataron en ensaio. Monreal comezou a realizar varios cambios e nunha xogada nas 22 locais chegou unha perda de balón que rematou na xogada que poría o resultado final do partido en 26 a 13, logo do ensaio pousado por Ruiz e a patada de Balbín.

O Blusens Universidade regresaba inmediatamente a Santiago sen tempo para o terceiro tempo, e queda a semana para mellorar o xogo e presentarse ante o líder da liga e último campión, o sábado 5 de outubro en As Lagoas Marcosende, o VRAC Queixos Entrepinares, partido que retransmitirá Televisión de Galicia en directo.

Rugby Atlético de Madrid (26 b): Ibarburu, Cantarero, Salazar; Romero, Philiponeanu, Ramírez, Brasca, Ruiz; Armental, Fontes; Fernández, Deira, Canosa, Martín e Balbín.

Blusens Universidade de Vigo (13): Redondo, Prieto, Tatafu; López Marqués, Berlande; Rubén Rodríguez, Hayes-Stevenson, Blanco; Maguna, Graham; Uruburo, De Cabo, Parga, Riveiro e Rowland. Suplentes: Muñiz, Abadía, Juan Manuel Rodríguez, Fuentes, Salgado, Simon, Brais Sánchez e Barbudo.

Tanteador:
Min 10 ensaio Canosa, con transformación de Fontes, 7 a 0
Min 15 ensaio Canosa, 12 a 0
Min 20 ensaio Uruburo, transformación de Graham, 12 a 7
Min 26 ensaio Ruiz, transformación Balbín, 19 a 7
Min 36 golpe transformado por Graham, 19 a 10
Descanso
Min 50 golpe transformado por Graham, 19 a 13
Min 55 ensaio Ruiz, transformación Balbín, 26 a 13
Árbitro: Gallastegui.

Fotografía: "Flying Monkeys Publicidad".