O Blusens Universidade de Vigo desprazouse a Ferrol para disputar en A Malata un amigable debido ao parón invernal da tempada mentres xoga a Copa do Rei, á cal o equipo vigués non se clasificou. O amigable de hoxe foi ante o Ferrol Rugby Club, o equipo no que xoga actualmente Francisco Usero "Pakito", que durante o mes de decembro xogou os seus últimos partidos en División de Honra no Blusens Universidade como reforzo temporal. Como mostra de agradecemento e nunha especie de homenaxe, o cadro universitario desprazouse a terras ferrolanas onde conseguiu unha vitoria por 74 a 17 ante o equipo local.

O Ferrol RC comezou con moita forza, mentres que o Blusens Universidade de Vigo o facía máis relaxado. Custoulle atopar o ritmo do partido, sendo un primeiro parte parello. A diferenza viría na segunda parte cando o Blusens Universidade pousaría ata 10 ensaios. O corpo técnico aproveitou para ensaiar varios novos movementos que se veñen practicando nos adestramentos, facer xogar a xogadores con poucos minutos en liga e ata debutar a outros do equipo B, como Luis Lago, Fernando Filgueira, o camerunés Fredderick Laurrain e Jorge Barbudo.

Non xogaron por estar lesionados Joaquín Maguna e Adolfo Rodríguez Uruburo, nin a nova incorporación Lionel Pardo, aínda finalizando a preparación para estar en forma para o fin de semana do 25 de xaneiro, cando se xogue o partido ante Getxo.