O Blusens cae en Valladolid por 35 a 24

Imprimir

O Blusens Universidade de Vigo caeu o sábado ante o líder da competición, o VRAC Quesos Entrepinares, no seu desprazamento a terra pucelana pola 15ª xornada de liga por 35 a 24, nun partido que puido emparellar na segunda parte malia comezar perdendo dende moi temperán, xa que o conxunto local gañaba aos 14 minutos por 17 a 0, tras as patadas de Griffiths e os ensaios de Martín e Herrera.

Tardou uns 20 minutos en entrar en xogo o Blusens Universidade, primeiro comezou organizándose en defensa, para logo ter máis posesión do balón e poder elaborar algunhas xogadas de ataque que permitiron conseguir o primeiro ensaio a través de Maguna, outra vez moi activo durante todo o partido. Coa transformación conseguida por Simon, cunha eficacia do cen por cento, chegaríase ao descanso co resultado parcial de 17 a 7.

A segunda parte sería moi igualada con algunhas pasaxes con claro dominio do Blusens Universidade, malia que os primeiros en anotar serían os casteláns cun golpe pasado por Griffiths. Simon volvería poñer a distancia en 10 puntos pasando un golpe, para deixar momentaneamente as cousas en 20 a 10. Pero o equipo vigués sufriu o sen bin de Tatafu neses momentos que os aproveitou ben o equipo do Quesos para abrir máis a brecha cun ensaio de Abril, que coa transformación do apertura inglés situaría o marcador en 27 a 10. Con Tatafu no campo o Blusens Universidade iríase en busca do partido e conseguiría 2 ensaios consecutivos a través de Hayes e o mesmo Tatafu, ambos os dous transformados por Simon, un deles moi complicado dende a bandeira. O resultado era de 27 a 24, e o equipo universitario era o dominador nesa fase do partido. Pero un golpe inmediato pasado por Griffiths poría o marcador en 30 a 24. A falta de 8 minutos chegaría o ensaio que daría o bonus ao Quesos Entrepinares, poñendo o 34 a 25 final. O Blusens Universidade intentou o dobre bonus cun ensaio final, que a punto estivo de conseguilo, pero perdeu o balón. Logo nunha xogada final á desesperada a boa defensa local volveu evitar que se movese o marcador.

Boa imaxe a do Blusens Universidade de Vigo malia o mal inicio de partido e a derrota final ante o líder da competición. O próximo partido pola 16ª xornada será ante Santboiana en As Lagoas o próximo domingo 9 de marzo.


VRAC Quesos Entrepinares 35 (b): Pablo César Gutiérrez, Steve Barnes, Sergio Valverde, Borja Estrada, Ignacio Molina, Álvaro Abril, Steffano Tuconi, Adam Newton, Juan Carlos Pico, Gareth Griffiths, Gabriel Herrera, Ignacio Muller, Álex Muller, Marco Lora e Pedro Martín. Tamén xogaron: Anxo da Rúa, Gorosito, Ribot, Miguel Merino, Rodrigo López, Miejimolle, Fernando de la Calle e Mateo.

Blusens Universidade de Vigo 24: David Redondo, Vicente Prieto, Maka Tatafu, Carlos López Marqués, Daniel Fuentes, Sam Hayes, Alejandro Branco, Lionel Pardo, Joaquín Maguna, Nathan George, Jeremy Simon, Lewis Marshall, Carlos de Cabo, David Riveiro e Adolfo Rodríguez Uruburu. Tamén xogaron: Javier Abadía, Juan Manuel Rodríguez e Borja Vera García-Portillo. Suplentes: Marcos Muñiz, Rubén González, Victor Salgado e Jorge Barbudo.

Tanteador
Min 2 golpe pasado por Griffiths, 3 a 0
Min 4 ensaio de Martín, transformado por Griffiths, 10 a 0
Min 14 ensaio Herrera, transformado por Griffiths, 17 a 0
Min 21 ensaio Maguna, pasado por Simon, 17 a 7
Descanso
Min 41 golpe pasado por Griffiths, 20 a 7
Min 47 golpe pasado por Simon, 20 a 10
Min 50 ensaio de Abril, transformado por Griffiths, 27 a 10
Min 57 ensaio de Hayes, transformado por Simon, 27 a 17
Min 66 ensaio de Tatafu transformado por Simon, 27 a 24
Min 67 golpe pasado por Griffiths, 30 a 24
Min 72 ensaio de López, 35 a 24

Incidencias: o árbitro Pedro Montoya debeu saír lesionado no descanso substituíndoo Pablo Esquerdo, que mostrou amarela no 45 a Tatafu por placaje a destempo. Partido correspondente á xornada 15 da División de Honra de Rugby disputado nos Campos de Pepe Rojo ante 650 espectadores.