Alejandro Blanco "Monti" deixa o Blusens Universidade de Vigo

Imprimir

monti_santboianaAlejandro Blanco "Monti" decidiu deixar o Blusens Universidade de Vigo, segundo anticipara á directiva a pasada semana, e posteriormente confirmou o xogador aos medios, para recalar moi posiblemente no Bathco Independente.

Logo de dúas tempadas no equipo vigués, e tras unha primeira sobresaínte, que lle valeu para ser convocado coa selección española, na que se converteu nun habitual, e tras unha última un pouco máis irregular, o xogador franquía galego decidiu cambiar de aires para incorporarse ao club cántabro. Aínda que dende a dirección técnica se contaba con el, nun momento en que parece avanzar un novidoso proxecto de acordo con outros clubs galegos para a cesión de xogadores, Monti xogará nun equipo que pretende converterse nun dos candidatos a conquistar a liga a tempada que empeza en setembro.

De tódolos xeitos, dende o Vigo Rugby séguese avanzando na nova tempada con moitas novidades que se concretarán nos próximos días, e para a cal se está a confeccionar o equipo dunha forma ordenada, para tratar de non pasar os apuros imprevistos da pasada campaña na que debeu xogarse o play off pola permanencia, e que afortunadamente, mantivo ao Blusens Universidade en División de Honra.