O Blusens Universidade cae ante a muralla do Complutense Cisneros

Imprimir

Felipe GonzoO Blusens Universidade de Vigo caeu, o sábado pola tarde en As Lagoas Marcosende, en partido correspondente á 16ª xornada de División de Honra, por 0 a 38, ante un Complutense Cisneros que foi unha muralla en defensa.

O resultado pode parecer enganoso polo avultado do marcador final en contra, se ben é certo que o Blusens Universidade careceu de alternativas para sorprender ao equipo madrileño, o partido foi moi disputado ata mediada a segunda parte, cunha primeira moi parella, chegándose ao descanso cun parcial de 0 a 5. A pesar de recibir o primeiro ensaio en contra no minuto 10, o Blusens Universidade soubo reconducir o encontro levando perigo á zona de 22 do equipo colexial, pero non lograba superar a liña de defensa. Os centros Abadía e Parga chocaban unha e outra vez contra o bloque defensivo. Só en contadas ocasións a traspaso a liña defensiva, unha delas a través de Uru, e a través de Maka Tatafu, que tiña que ser contido por varios defensores.

Se a primeira parte foi máis parella, na segunda a entrada de Pablo Feijoo deulle un dinamismo maior ao Complutense Cisneros, movendo, dirixindo ou transportando o oval. Non en van foi o autor de 2 ensaios neste período, o último deles tras carreira e xogada persoal. No minuto 53 producíase unha controvertida xogada que deixaría con 14 xogadores ao Blusens Universidade, con 0 a 12 no parcial, cando nunha xogada de ataque colexial, Mbiyozo placa alto a un rival, aínda que sen perigo. O medio loita Feijoo provoca o xogador sudafricano cun manotazo na cara, e ante a súa reacción o árbitro Raposo decide envialo ao sen bin. Golpe en contra que acabaría con ensaio de castigo. A partir dese momento o equipo vigués perdeu o norte do partido recibindo 2 ensaios máis para deixar o resultado final de 0 a 38.

Mención especial para a solidez como equipo do Complutense Cisneros, ao que houbo que xogarlle ao cen por cento para que non tivese demasiadas opcións. As baixas viguesas para este partido notáronse á hora dos cambios, aspecto no que o equipo madrileño non se resentía á hora de mover o banco.

Agora o Blusens Universidade de Vigo descansará unha semana para logo viaxar a Getxo onde enfrontará o equipo vasco, que marcha en undécima posición con 20 unidades, polas 24 que ten o equipo vigués. Este sábado caeu por 42 a 7 ante o Hermi El Salvador. O Hernani, que marcha último pola contra venceu ao Gernika e suma 4 puntos de ouro que o colocan a 8 do Blusens Universidade.

Blusens Universidade de Vigo 0: Marcos Muñiz, Oscar Ferreras, Maka Tatafu, Carlos López, Mariano berlande, Rubén Rodríguez, Mpho Mbiyozo, Paul González, Joaquín Maguna, Mauro González, Javier Abadía, Javier Parga, Carlos de Cabo e Adolfo Uruburo. Tamén xogaron: David Losada, Pedro González, Marcos Muñiz e Alvaro Caride.

Complutense Cisneros 38 (b): Francisco Blanco, David Sanz, Guillermo Espinós, Guillermo Molina, Guillermo Marín, Michael Hogg, Martín fernández, José Luis del Valle, Manuel Niño, Andrew Norton, Angel López, Frédérik Cruz, Matías Tudela, Juan Cano e Francisco Hernández. Tamén xogaron: Pablo Hayali, Sebastián Hattori, Iñaki Villanueva, James Andrés Berro, Ignacio Martínez, Pablo Feijoo e Juan Boccardo.

Tanteador:

Min 10 ensaio de Anxo López, 0 a 5
Min 47 ensaio de Espinós, pasado por Andrew Norton, 0 a 12
Min 53 ensaio de castigo, pasado por Norton, 0 a 19
Min 70 ensaio de Feijoo, 0 a 24
Min 74 ensaio de Paco Hernández, pasado por Norton, 0 a 31
Min 77 ensaio de Feijoo, pasado por Norton 0 a 38

Incidencias: o árbitro Raposo mostrou tarxeta amarela a Mpho Mbiyozo no minuto 53. Unhas 200 persoas en As Lagoas Marcosende.

Fotografía de Felipe Gonzo.