Vigo Viaxou a Getxo para disputar o penúltimo partido de liga con toda a responsabilidade e o obxectivo de gañar para saír das posicións con perigo de permanencia na categoría. Con algunhas baixas (Mariano Pereira, Iván Conti lesionados, Victor Fontán non viaxou por problemas laborais, Mauro Álvarez e Alberto Campos tocados), que facían que ao partido non se chegase co equipo nas mellores condicións. De tódolos xeitos os xogadores viaxaron moi concentrados e con boas expectativas.

Comezou o partido e cando non pasaran 2 minutos Mauro González na súa primeira intervención no xogo lesiónase e non pode continuar. Vigo instálase no campo rival e cun golpe de castigo pon as cousas 3 a 0 arriba no marcador. Minutos despois outro golpe contra Getxo fai que a transformación de Mauro Álvarez determinase 6 a 0 a favor da visita. Nese punto o partido fíxose de ida e volta con equilibrio na obtención pero cunha leve superioridade do Ednon no xogo e territorial, así rematou o 1º tempo.

O segundo tempo presentábase como un partido aberto para calquera resultado. Pasaron poucos minutos e un erro na defensa dos vigueses permitiu a Getxo aproveitar para ensaiar e transformar polo que se pon 6 a 7 a favor. Á saída do centro do campo o equipo local comete outro golpe de castigo que aproveita Mauro Álvarez para poñer as cousas 9 a 7 para Vigo. Nunha xogada de ataque os xogadores vigueses son freados en golpe de castigo a poucos metros da liña de ensaio, polo que se xoga o balón e a través dunha xogada preparada Vicente Prieto apoia o ensaio para aumentar a diferenza, 14 a 7, xa que non se transformou. Inmediatamente na saída de Getxo, Vigo comete un golpe que lle permite acurtar distancias ao equipo local mediante 3 puntos máis, 14 a 10. O partido seguía aberto e nunha xogada de varias fases do Ednon, o xogador vigués Nacho Lobón logra apoiar un novo ensaio xunto á bandeirola, que non pode converter Mauro Álvarez. O marcador pon 19 a 10 para os vigueses. Con 15 minutos por diante Getxo converte un golpe de castigo que deixaba o resultado parcial de 19 a 13. Dende ese momento o partido fíxose intenso e Vigo contou con oportunidades claras de ensaiar que non materializou ata que a falta de 2 minutos para a conclusión o equipo local ensaia baixo paus, polo que coa conversión suma 7 puntos para quedar arriba 19 a 20. Parecía o triunfo local pero Vigo non baixou os brazos e na última xogada tras varias fases nas que interveñen Mariano Berlande e Nicolás Martínez, logo dun reagrupamento, o medio loita Mera pasa o balón ao apertura xuvenil vigués Joaquín Maguna que converte un drop-goal no último suspiro do partido. Asubío final e festexo ao grande do equipo vigués.

Desta forma o Ednon Universidade Vigo Rugby asegúrase a permanencia na División de Honra B española a falta dunha xornada, pasando na clasificación a Getxo e colocándose en quinta posición. O equipo vigués consolida o seu xogo nas últimas xornadas gañando ao líder, perdendo por apenas 5 puntos co segundo e gañando a un sempre duro Getxo de visitante. Queda un último partido contra BUC Barcelona en Vigo para o próximo domingo 11 de abril ás 11.30 h en Lagoas Marcosende.

Vigo formou con:
Iñaki Román, Vicente Prieto e Nicolás Martínez, Ignacio Lobó e José Mª Fernández, Nicolás Gómez Ventura, Mauro González e Mariano Berlande; Alberto Mera e Joaquín Maguna;  Carlos De Cabo, Alberto Campos, Jon Arrizabalaga, Javier Parga e Mauro Álvarez.
Suplente: Juan Rodríguez Palma, Juan Villar, Fernando Millara, Pablo Amoedo e Cristian Aniño.
Ingresaron: Juan Rodríguez Palma, Juan Villar, Fernando Millara, e Cristian Aniño.

Victoria del Equipo B
Pola súa parte o Equipo B gaña no clásico galego contra CRAT B por un aplastante 34 a 5 e remata a Liga Territorial Galega en cuarta posición, realizando unha excelente segunda volta.