Cabecera Vide

Halcones de Vigo gaña o seu Trofeo Cidade de Vigo de béisbol diante de Leones de Santiago e White Sharks

374ronny-materano-en-accionCun bo ambiente e gran cantidade de público no campo das Plantas levouse a cabo o pasado domingo 8 o sétimo torneo de béisbol senior Trofeo Cidade de Vigo, que gañou o Halcones de Vigo.

Á primeira hora enfrontáronse os anfitrións, Halcones de Vigo, contra Los Leones de Santiago. Este partido foi dominado completamente polos de casa, guiados polos envíos do lanzador experimentado Roberto Rodríguez, quen actuou durante cinco entradas dándolle paso ao relevista Félix Mercedes, quen lanzou por dúas entradas máis. O  partido culminou na sétima entrada, 16 anotacións por 6 a favor de Halcones, aplicándose a regra do "knockout" por diferenza de 10 carreiras.

A segunda hora enfrontáronse Leones de Santiago contra White Sharks de Portugal. Nesta ocasión os composteláns  caeron derrotados por segunda vez e tamén por diferenza de anotacións de máis de 10, pero esta vez os felinos non puideron anotar e ademais o partido culminou cedo xa que se aplicou a segunda regra do "knockout" que di que con diferenza de máis de 15 anotacións na quinta entrada, dáse por culminado o encontro. Deste xeito o encontro rematou 16 carreiras a 0 a favor dos portugueses, para así disputar máis tarde a final do torneo contra os vigueses.

No encontro final do torneo disputábase o campión. Ao principio o partido mantívose moi parello aínda que sempre os Halcones estiveron á fronte do marcador dominando cos lanzamentos do "abridor" Ronny Materano. Logo desatouse a ofensiva dos rapaces e na cuarta entrada obtiveron a diferenza de 15 carreiras a 1. Pero os "escualos" non quedaron atrás e achegaron o marcador 15 a 9. Entón, o manager de Halcones, Diego Torres, meteu a lanzar a Marcos Trillo quen se encargou de apagar a ameaza lusa. Finalmente o partido culminou co resultado de 18 anotacións por 9 a favor dos Halcones de Vigo, proclamándose campións do torneo.

Logo procedeuse á entrega dos premios a cargo de María Villar, presidenta do Club Halcones de Vigo, quedando a táboa de posicións da seguinte forma: Halcones de Vigo (primeiro clasificado), White Sharks (segundo clasificado) e Leones de Santiago (terceiro clasificado).