Concello de Vigo    

Cabeceira Vide

halcones_leonesNesta cuarta xornada da Copa Xunta, os Halcones impuxéronse con marcador de 15 carreiras a 3 aos Leones de Santiago, partido aprazado fai quince días e disputado onte. Tras esta vitoria os vigueses alzan a súa motivación para o seguinte encontro que se levará a cabo a próxima fin de semana en terras coruñesas, para estar máis preto de poder xogar a final e, conseguir o título da Copa Xunta de Galicia.

Grazas ao grande ímpeto dos lanzadores vigueses da canteira: Andrés Fernández e José Delio Cabral (Chanel), puídose concretar esta vitoria, cunha actuación espectacular no montículo dende o primeiro ata o último dos lanzamentos do encontro. O primeiro deles, Andrés, en tres innings concedeu as únicas tres carreiras do encontro por parte do equipo visitante; dúas no segundo e unha no terceiro. Tras ser relevado polo lanzador vigués Delio Cabral (Chanel), que despachaba entrada tras entrada cun control perfecto, os lanzamentos do cal en curva mareaban os bateadores contrarios, culminou o encontro sen permitir máis carreiras na sétima entrada por nocaut.

O equipo Halcones aínda se atopa en proceso de conformar o seu equipo cos respectivos reforzos de cara á Primeira División da Liga Nacional de Béisbol, a comezar o próximo 11 de maio e onde terá que enfrontarse a combinados de Córdoba.