Iago Medín rematou a Volta a Segovia nunha excelente cuarta posición

Imprimir

niv-libnerO ciclista Iago Medín, pertencente ao equipo Chint - Autronic, conseguiu un excelente cuarto posto na clasificación xeral final da Volta a Segovia, co mesmo tempo que obtivo o segundo clasificado, Ión Pardo, do equipo Seguros Bilbao; e a só trece segundos do vencedor, Raúl Alarcón, do equipo levantino Guerola. Este ciclista está nestes momentos á fronte do ranking da Federación Española en categoría elite.

Medín foi terceiro na primeira etapa e sétimo na segunda e última da carreira segoviana. O ciclista do equipo vigués xa demostrara unha gran forma días atrás ao rematar segundo na Volta á Montaña Central, en Asturias.

Outro corredor do Chint- Autronic, o israelí Niv Libner, acaba de proclamarse campión do seu país esta fin de semana. Este ciclista conseguira a vitoria na Volta Vigo-Baixo Miño - Val Miñor.

En categorías inferiores, os ciclistas do Chint - Autronic obtiveron a vitoria en infantís e o segundo posto en benxamins no Trofeo San Xoán, en Carballo. A vitoria obtívoa Xoel Dias e o segundo lugar para Iván Dias. En categoría júnior, dentro de segunda carreira da Copa Deputación de Pontevedra, o primeiro ciclista do club vigués foi Valentín Rodríguez, na sexta posición. A carreira gañouna Jacobo Ucha, do Caixanova-Spol.