Cabecera Vide

O Autronic C.C. Vigués, á Volta á Coruña co campión de Galicia

O Autronic-Club Ciclista Vigués decidiu o equipo co que participará na Volta á Coruña e que estará encabezado polo flamante campión de Galicia elite, Rubén Sánchez. A formación complétana Asier Fernández, Paulo González, Iván Sebastián, Brais Rodríguez, Daniel Ruiz e Juan Fernández López-Gavela.

Rubén Sánchez e Asier Fernández serán as bazas do equipo, que non puido incorporar este ano ao israelí Yoav Bear, convalecente dunha fractura de clavícula. Os restantes integrantes da formación que dirixirá Tomás Martínez son corredores moi novos. Os catro últimos estréanse este ano na categoría sub 23.

A volta arrinca hoxe venres coa etapa Corcubión-Cee. Para a xornada de mañá está previsto un percorrido entre Pontedeume e Betanzos e pechará a undécima edición da rolda coruñesa a etapa Cambre-Cambre.

Na liña de saída estarán 14 equipos, os galegos Autronic C.C. Vigués, C.C. Cambre Caeiro, C.C. Padronés Aluminios Cortizo, G.D. Supermercados Froiz e C.C. Spol Concello de Porriño, xunto co Gomur (Cantabria), Construcións Paulino e Cidade de Oviedo (Asturias), Lizarte (Navarra), Cajamar-Almeria (Andalucía), Mutua Levante-Cafemax (Murcia), Liberty Seguros (Portugal) e Bolmet-Trek (Polonia).

Trofeo San Xoán en Carballo. Os equipos júnior, cadete, infantil, alevín e benjamín disputarán mañá sábado o Trofeo de San Xoán, en Carballo. As dúas primeiras categorías disputarán sendas probas na estrada sobre 76 e 37 quilómetros, respectivamente, e as categorías escolares competirán nun circuíto urbano.