O Autronic-Club Ciclista Vigués aproveita esta fin de semana, previa ao inicio da competición, para reunir o equipo nunha concentración en Oia. Os corredores empregarán as xornadas do sábado e do domingo para celebrar dous adestramentos conxuntos.

O obxectivo desta reunión é que "os ciclistas se coñezan, pois temos oito incorporacións, e preparar as carreiras da próxima fin de semana en Zamora, así como establecer as pautas para a nova tempada", comenta Tomás Martínez, director deportivo do conxunto vigués.

Os ciclistas que acudirán á concentración son Paulo González, Iván Sebastián, Alejandro Lomba, Anxo Lago, Javier Sardá, Javier Hernández, Marcos Romeiro, Rubén Veloso, Daniel González e Andrés Camino. Non asistirán a esta primeira cita o mallorquino Toni Muntaner, o israelí Yoav Bear e Antonio Serrat. Este último atópase actualmente en Sudamérica, disputando unha proba de triatlón.

Tomás Martínez estará auxiliado polo fisioterapeuta Miguel Domínguez e o mecánico Miguel Ángel Domínguez; e a concentración celebrarase no Hotel Glasgow, en Viladesuso (Oia).