ccviguesLuis Mariño adxudicouse o 41 Grande Premio Cidade de Vigo, encabezando o domino do equipo Supermercados Froiz. O padronés mandou de principio a fin a carreira de fondo, cunha fuga en solitario que inicio na terceira volta ao esixente circuíto de O Castro, cando quedaban aínda doce por diante; e foi segundo na cronoescalada de 3,5 quilómetros dende a Porta do Sol, para totalizar 27 puntos.

A segunda posición na xeral final, con 22 puntos, foi para o seu compañeiro de equipo Aser Estévez, que bateu a marca da escalada, con 5 minutos e 58 segundos. O excampión de España de contra o reloxo sub 23, nunha sensacional ascensión, superou en catro segundos o tempo establecido polo abulense Ángel Vallejo en 2013. O asturiano Jonathan González, gañador na pasada edición, esta vez ocupou a terceira praza do podio.

Non tivo problemas o equipo Super Froiz para dominar a carreira, cun bloque moi compacto, que lle permitiu combater a loita individual que lle formularon Jonatahn González (Construcións Paulino), Daniel López (Caixa Rural) ou Jacobo Ucha (Rías Baixas), principalmente.

En categoría feminina o mellor tempo marcouno María Jesús Barros (C. C. Spol-Porriño), cun rexistro de 8-06; seguida de Paula Sanmartín (Autronic-C. C. Vigués), con 8-41; e de Andrea Tomei (Cambre-Caeiro), con 8-50. Elas foron tamén as vencedores na clasificación xeral, dentro das categorías elite, júnior e cadete, respectivamente.

O podio elite feminino integrárono María Jesús Barros (Spol-Porriño), Lorena Sanín (Cambre - Caeiro) e Belén Lemat (C. C. Corbelo). En juniors, subiron ao máis alto Paula Sanmartín e Irene Serrat (C. C. Vigués-Autronic) e en cadetes Adrea Tomei (C. C. Cambre - Caeiro), Zaida González (Roseira - Hnos. Ozores) e Redosinda Ferández (Cidade de Lugo).

A vitoria en cadetes viaxou a Asturias, da man de Eduardo Pérez-Landa (Construcións Paulino), despois de impoñerse na cronoescalada, cun tempo excelente tempo de 6-30, e de ser terceiro na proba de fondo. A vitoria nesta última manga deu o segundo posto na xeral a José Roberto Chas, do C. C. Cambre - Caeiro. Mentres que ao terceiro chanzo do podio subía Daniel Rodríguez (E. C. Redondela).

Este ano a proba celebrouse nunha única xornada ao quedar suspendida a xornada do sábado, polo que non houbo gañador do Díptico, que habitualmente premia o mellor das dúas xornadas.