A marcha ciclista popular Bicis na Primavera levará masivamente as bicicletas este domingo ás rúas de Vigo, nun convite que se estende a participantes de todas as idades. A saída está prevista para as 10:30 horas dende a Porta do Sol. Estará organizada polo Club Ciclista Vigués-Autronic e conta coa colaboración do Concello de Vigo.
Dende hai tres anos volveuse recuperar o percorrido das primeiras marchas populares que se celebraron en Vigo, que foron tamén as primeiras de Galicia, a finais dos anos setenta e principios dos oitenta do pasado século, coa salvidade de que en aquelas ocasións a saída dábase dende o Náutico. Haberá sorteo de regalos. As inscricións poden realizarse no Facebook do club organizador ou en Decathlon, así como dende unha hora antes na saída o domingo.
O itinerario a seguir será o seguinte: Porta do Sol, Paseo de Alfonso, Pi Margall, López Mora, Camelias, Praza de América, Avenida de Castelao (xiro na rotonda da rúa O Grove) Avenida de Castelao, Praza de América, Gran Vía, Praza de España, Pizarro, Travesía de Vigo, Bos Aires, Sanjurjo Badía, García Barbón, Policarpo Sanz e Porta do Sol.
Trátase dun trazado eminentemente plano, coa pequena dificultade da suba de Praza de América e Praza de España, para axudar a tonificar os músculos, deixándoos preparados para os gratos paseos en bici da primavera e o estío, que se debe facer con moita precaución e sendo respectuosos coas normas de circulación, porque hai que compartir espazo cos coches. Aínda que este domingo, sobre o asfalto de Vigo, mandarán as bicicletas.