O equipo Chint - Autronic pechou o equipo co que afrontará a sua trinta e seis tempada consecutiva no calendario elite-sub 23 nacional. O equipo referencia na estrutura deportiva do Club Ciclista Vigués contará con catorce ciclistas para o calendario de estrada, máis outro na modalidade paralímpica.

O Chint-Autronic 2010 preséntase como unha formación moi renovada, na que continúan da pasada tempada: José Manuel Parada, Sergio Míguez, Noé Rodríguez, Hugo González, Jorge Rey, Manuel Alonso e Mario Crespo.

E son altas: Luis Mariño (ex Super Froiz), Abel Fragua (ex U. C. Fuenlabrada), Ebel González (ex U. C. Fuenlabrada), Pablo Sanz (ex Deputación de León), Iago Medin ( ex Cymasa), Eloy Bravo (ex Cymasa junior) e Óscar Vicente.

Este último é campión de Europa de duatlón e compaxinará a súa disciplina coa bicicleta de estrada. O Chint-Autronic contará tamén con José Enrique Porto Laredo na modalidade paralímpica. Este ciclista foi medalla de prata en velocidade e bronce en a disciplina do quilómetro nos mundiais de pista de 2009, celebrados en Manchester, en tándem.

Javier Fernández Hermida será o responsable por terceira tempada da dirección deportiva. O técnico estará axudado ademais por Tomás Martínez, e a preparación física estará dirixida por Roberto Martínez Trigo.

"O equipo gaña experiencia con respecto á pasada tempada. Os ciclistas novos do equipo teñen un ano máis de experiencia. Son os casos de Parada, Sergio Míguez ou Noé Rodríguez, entre outros; e ciclistas como Iago Medín, Abel Fragua ou Ebel González axudarannos a ter unha maior presenza en carreira. Confiamos tamén nas achegas de Mariño, ao que coñecemos ben, e de Pablo Sanz, do que temos, así mesmo, moi boas referencias", apuntan os técnicos.

Carlos Vidal, presidente do Club, tamén recalca: "No equipo segue predominando a xuventude, porque a nosa filosofía sempre foi a formación de novos valores. De feito, este ano rexeitamos propostas de ciclistas máis veteranos, por non encaixar dentro deste modelo, a pesar de que podían ser moi interesantes no deportivo".

A intención do Chint - Autronic 2010 é ampliar o calendario con respecto a a pasada campaña, para cubrir todo o de Galicia e completalo con probas do calendario elite-sub 23 do resto de España e Portugal. As primeiras carreiras do equipo serán en Cantabria, País Vasco e Madrid.