Comeza a Liga Linco de baloncesto, organizada polo Seis do Nadal e co apoio da Concellería, IMD e VIDE

basketlinorsawebRegresa a Liga Linco, a competición interescolar que apoia o Instituto Municipal dos Deportes (IMD) todos os venres e que se sustenta na filosofía do deporte polo deporte, polo feito formativo.

Na tempada pasada, dende febreiro a maio disputáronse quince xornadas en categoría benxamín e alevín cuns 200 partidos. Agora, de novo Navia é o punto neurálxico dunha idea nacida en 2002 por iniciativa do Club Baloncesto Seis de Nadal.

Todos os venres, de febreiro a maio, de 16:15 a 18:00 horas, nove escolas deportivas disputarán a Liga Linco Linorsa. Os colexios CEIP Seis do Nadal, CEIP Illas Cíes, CPI Celso E. Ferreiro, CEIP Doutor Fléming, CEIP Pintor Laxeiro e CEIP Javier Sensat e as tres escolas municipais do IMD (O Berbés, Balaídos e Navia) sumarán uns 200 nenos e nenas de 6 a 12 anos.

A Linco-Linorsa 2012 conta por sexto ano consecutivo co apoio e colaboración de Linorsa, empresa que apostou por esta Liga Escolar e polo deporte escolar do Club Baloncesto Seis do Nadal-Coia dende 2006. Esta Liga Interna de Colexios conta tamén coa colaboración de Coca-Cola, Larsa e Displave, ademais do apoio e reforzo da Concellería de Deportes do Concello de Vigo, Instituto Municipal dos Deportes, Fundación Vigo en Deporte (VIDE) e a Federación Galega de Baloncesto.

A presentación oficial desta décima Linco tivo lugar hoxe venres ás 16:15 horas no Multiusos de Navia, nun acto onde se presentaron as escolas deportivas participantes no que foi o pistoletazo de saída do décimo aniversario desta competición interescolar organizada polo Seis de Nadal. Ademais, en Navia presentouse tamén a Linco XL, reservada a mozos e mozas de 13 a 16 anos. Cada quince días, a Polideportiva de Balaídos recibirá á escola municipal de Balaídos e ao centro educativo CEIP Seis do Nadal coa idea de converterse nunha continuación da Liga Linco de minibásquet.

Na imaxe, o concelleiro de Deportes, Manel Fernández, ademais presidente do IMD e de VIDE, cunha das camisolas dos equipos, xunto co presidente da Delegación Viguesa de Baloncesto, José Luis Pérez, e membros do C.B. Seis do Nadal, que foron recibidos polo concelleiro no se u despacho da Praza do Rei.