VIDE e os clubs rebaixan o prezo do carné Siareiro Elite familiar e individual ata final da tempada

fotofamiliasiareiros2011Novo ano, novo prezo aproveitando a tempada de rebaixas.

A Fundación Vigo en Deporte, de acordo cos clubs adscritos ao programa Siareiros Elite, comezou unha nova campaña de captación de socios, do mesmo xeito que sucedeu na tempada 2010/2011.

A medida pretende, agora que as ligas comezan a segunda volta dos seus campionatos, favorecer a entrada de novos siareiros e siareiras por un prezo axustado ao número de encontros que quedan por disputarse.

Así, os clubs decidiron xa no verán pasado que dende este mes ao 30 de xuño, o valor do carné individual Elite e familiar Elite reducirase. O individual custaba 95 euros para toda a tempada, e agora o seu prezo será de 60 euros; mentres, o carné familiar, que dá dereito a inscribir a cinco membros da unidade familiar, pasa a 100 euros, cando antes custaba 150 €.

Con esta actuación, os clubs e VIDE pretenden ser sensibles co afeccionado local e primar a súa asistencia aos partidos. Esta idea leva dous anos en marcha e naceu pola demanda de seguidores que decidían incorporarse ao movemento asociativo coa tempada xa en marcha. O resto de tipos de carné manteñen o seu prezo.