Cabecera Vide

Os clubs Siareiros Elite xogarán os seus partidos noutras localidades pola folga no IMD

vigostickOs clubs do programa Siareiros Elite de VIDE xogarán lonxe de Vigo esta fin de semana pola folga plantexada no IMD.

O concelleiro de Deportes, Manel Fernández, tamén presidente do Instituto Municipal dos Deportes (IMD) e da Fundación Vigo en Deporte (VIDE), agradeceu o traballo e comprensión dos clubs da cidade afectados pola folga de traballadores do IMD, que tivo lugar no serán do mércores e que foi convocada tamén para o serán de hoxe venres (desde as 15:00 ás 23:30 horas), a tarde do sábado (desde as 15:00 ás 22:30 horas) e a mañá do domingo (de 7:45 a 15:00 horas).

Mediante carta, o edil socialista amosaba a súa solidariedade cos afectados por este paro, os usuarios, e anunciaba que a súa predisposición a dialogar co comité de empresa é permanente. "Pola miña parte, hei de lamentar o trastorno que esta situación poda causar nas actividades que desenvolvedes, e só podo garantir a miña dedicación, esforzo e traballo de cara a solucionar esta situación", explica o concelleiro na misiva ás entidades deportivas.

Na primeira media xornada de folga, o presidente do IMD asegurou que o paro foi secundado pola quenda de empregados que traballaba de tarde (17) e que afectou a uns 4.300 usuarios e os adestramentos de 81 clubs.

Os clubs pertencentes ao programa Siareiros Elite de VIDE levaron os seus partidos a varias localidades da provincia (o Octavio, o pasado mércores ao Rosal) e tamén de Ourense. Respecto da competición de Vigo en Xogo, torneo recreativo de fútbol 7, fútbol sala e baloncesto que patrocinan Concellería de Deportes, IMD e VIDE pero que organiza a Agrupación Deportiva Vigo, só haberá xornada o domingo polo serán.