Cabecera Vide

Caballero louba os últimos éxitos do deporte local, "que dan a Vigo un papel hexemónico e con xente das escolas do IMD"

02Deportistas, adestradores e directivos de Vigo Squash, Esgrima El Olivo, Flic Flac, Club de Loita San Ignacio e Montañeiros Celtas foron recibidos este venres polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o concelleiro de Deportes, Manel Fernández, nun acto de felicitación polos seus éxitos das últimas semanas.

Durante media hora, o rexedor e o seu edil coñeceron e compartiron as inquedanzas de clubs moi significados no apoio ao traballo de formación e deportistas que logran fazañas incribles.

"Estamos moi orgullosos de ter este nivel deportivo nestas modalidades e un papel tan importante", asegurou o xefe do goberno local tras coñecer de viva voz de cada un dos protagonistas as medallas conquistadas entre marzo e maio.

Alcalde socialista e concelleiro recibiron a Xisela Aranda (tricampioa de España absoluta e internacional con España), Hugo Varela (acaba de ascender a 1ª División coa selección española absoluta) e Cío García (subcampión de España sub 13), valores do Vigo Squash; a Judith Rodríguez (campioa de España cadete individual de florete e tamén junior e absoluta por equipos con esa arma), do Club Esgrima Vigo El Olivo, e a Sechu López, do Montañeiros Celtas (primeiro galego que fai cume no Annapurna), ademais do presidente do Flic Flac (nove medallas no Nacional de ximnasia acrobática e ouro en trío e parellas junior) e unha directiva e adestradora do San Ignacio de loita olímpica (campión de España junior feminino).

O alcalde non só quixo felicitar a estes clubs polos seus logros, senón que lles manifestou que desexa "pór en valor o papel hexemónico destes resultados, que amosan o alto nivel deportivo dos clubs da cidade"; ademais aplaudiu que as medallas obtidas por estas entidades "cheguen con deportistas forxados nas escolas deportivas municipais" e manifestou o seu compromiso e o do concelleiro de dar "máis apoio ao deporte de base", lembrando que a pesar "dos tempos tan difíciles e a terrible crise, no caso do Concello de Vigo ímolo levando ben, que xa non é pequena cousa".

A reunión celebrouse nun ambiente moi distendido. Caballero preguntou a cada un dos asistentes os seus méritos e admitiu respecto ao Vigo Squash coñecer algúns datos deportivos máis pola súa habitual presenza nos xornais. Non só houbo deportistas, tamén estiveron os presidentes dos clubs Flic Flac (Jorge Méndez), Vigo Squash (Carlos Dafonte) e do Esgrima El Olivo (Luis Miguel Díaz).

04Precisamente este é o ano do Olivo. A fin de semana pasada, en Pinto, o Esgrima Vigo El Olivo redondeou unha tempada excepcional. Irene Romero conquistou a medalla de ouro absoluta individual en florete e, por equipos, o club vigués tamén foi primeiro grazas a Romero, a preolímpica María Mariño, Judith Rodríguez (recente campioa de España individual cadete en florete) e Laura Caballero. Mariño e Romero non puideron acudir pertencen tamén ao grupo de tiradoras do Centro de Alto Rendemento.

"O club naceu en 2000 e agora mesmo dominamos o florete feminino", explicou Díaz a alcalde e concelleiro. De feito, María Mariño, pese a súa xuventude, pelexou no Preolímpico por unha praza para os Xogos de Londres e xa compite coa selección absoluta de esgrima. 

Pola súa banda, Ángeles Álvarez, adestradora do San Ignacio, díxolle ao rexedor que o club é referencia agora mesmo na loita olímpica feminina a nivel galego e nacional.   

Foto superior: o concelleiro Manel Fernández, Cristina Castro adestradora do Flic Flac), Jorge Méndez (presidente e adestrador do Flic Flac), Ángeles Álvarez (San Ignacio) e Hugo Varela (internacional do Vigo Squash).

Imaxe inferior: Luis Miguel Díaz (presidente do Esgrima El Olivo), Judith Rodríguez (tiradora do Olivo), Xisela Aranda (internacional do Vigo Squash), Cío García (Vigo Squash) e o alcalde Abel Caballero.