A botella dos nenos do Vigo Rugby Club, en Marsella, a un paso de Lomu

vigorugbybotellaA botella coa mensaxe dos nenos do Vigo Rugby ao ex xogador dos All Blacks, Jonah Lomu, está a punto de chegar ao seu destinatario. Jean Luc Barthtés, representante da IRB en África e último portador da botella, entregoulla hai unhas horas a Jean Marc Foucras, ex adestrador do Castres e amigo de Alayn Hyardet, actual adestrador do club de rugby de Marsella, o Marseille Vitrolles Rugby, equipo no que Lomu xoga na actualidade.

Esta entrega podería formalizarse o próximo domingo, 21 de febreiro, no partido que enfronta ao Marseille Vitrolles Rugby e ao Sporting Club Mazamétain. Un partido que se disputará cerca de Castres (localidade situada próxima a Toulouse no leste de Francia) e no que espera a asistencia do ex All Black.

Unha botella que percorreu o mundo

De cumprirse esta previsión, a botella coa mensaxe dos nenos de Vigo Rugby Club a Jonah Lomu chegará ao seu destino once meses despois da súa saída de Vigo.

Deste xeito pecharase un periplo que transitou por medio mundo, en concreto máis de 41.000 quilómetros dende a súa partida (Vigo-Dublín, Dublín-Wellington (Nova Zelandia), Wellington-Dublín, Dublín-París e Parides-Castres).

Mensaxe na botella

O envío da botella estase a realizar a través da teoría dos seis graos, aquela que di que calquera persoa está conectada con outra do mundo a través de seis contactos interpersoais. Jean Marc Foucras converteuse no sexto grao dunha cadea que comezou en Vigo da man de Joe Scully, ex xogador do Vigo Rugby Club.

A iniciativa "Mensaxe na botella a Jonah Lomu" parte das categorías infantís e cadetes do Vigo Rugby Club. Os rapaces contan por carta ao ex xogador dos "All Blacks" as dificultades económicas coas que se atopan para poder practicar este deporte. Na misiva non lle piden nada a Jonah Lomu agás o xustificante de recepción.

O periplo da botella pódese seguir a través do blog creado para contar a historia da mensaxe a Lomu: mensajealomu.blogspot.com.  A día de hoxe, recibíronse máis de 15.000 visitas e chegaron comentarios e entradas dende diversas partes do mundo. Francia, Irlanda, Gran Bretaña, Nova Zelandia, Arxentina, Uruguai, Italia, Rumania ou Estados Unidos son algúns dos países que se interesaron pola iniciativa e o visitaron.