Problemas da selección española de taekwondo, coa viguesa Andrea Rica, para chegar a San Petersburgo

spainAs campioas de España Andrea Rica (Ximnasio Tao de Vigo), Estefanía Hernández (Natural Sport), Rebeca Mariño (Natural Sport) e Lúa Piñeiro (Olimpic Vilagarcía) pasaron a noite do domingo ao luns en Munich (Alemaña), xunto co resto da expedición da selección española de taekwondo, que disputará o Campionato de Europa absoluto dende o vindeiro día 12.

As catro conforman o cincuenta por cento da selección española feminina que competirá na Rusia. As galegas non participarán ata o día 13, no que lles corresponderá a quenda a Rebeca Mariño (-53 quilogramos) e a viguesa Andrea Rica (-57 quilogramos). Ao día seguinte, venres 14, competirán Fani Hernández (-57 quilogramos) e Lúa Piñeiro (-67).

Unha vez máis a nube de cinza volcánica do Eyjafjallajökull, na Islandia, está a provocar de novo problemas no espazo aéreo europeo e o domingo o aeroporto de Munich estaba pechado, polo que a selección española tivo que quedarse alí a pasar a noite. Despois de pasar toda a mañá na terminal tentando recuperar a equipaxe, que se perdeu, o equipo chegou pola tarde a Moscú e tiña previsto sair xa de noite para a antiga capital rusa no tempo dos zares. Ademais, o grupo ten serios problemas coas maletas. Das catro galegas só a viguesa Andrea Rica ten a súa, e ademais tamén está perdida a maleta na que ía o material de Daedo (a marca oficial da competición).