Cabecera Vide

Abel Caballero afirma que Samil ten as condicións para ser “un circuito de tríatlon dos mellores de Europa”

alcalde_samil_susanaO alcalde de Vigo, Abel Caballero, acudiu hoxe a Samil para coñecer in situ o circuíto polo que competirán a fin de semana máis de 1.000 triatletas chegados de toda España para participar nos Nacionais, que por vez primeira celébranse na cidade.

Acompañado polo presidente da Federación Galega de Tríatlon, Paco Villanueva, polo novo campión galego absoluto, Jesús Gomar, e por representantes vigueses no campionato (Antonio Serrat e Susana Rodríguez Gacio) e a responsable das escolas deportivas municipais de tríatlon, Lorena García, o rexedor púidose facer unha composición de lugar sobre a espectacularidade das probas, especialmente co bo tempo que se prevé.

“A idea gústame moito”, asegurou o xefe do goberno local aos deportistas presentes en canto coñeceu o circuíto. A o presidente federativo e aos e ás deportistas explicoulles que nunha fin de semana de calor Samil pode recibir nos seus dous quilómetros de areal “a unhas 30.000 ó 40.000 persoas, máis os espectadores que flúen porque lles atrae directamente este deporte”, dixo. E o deseño do circuíto “vai permitir a toda a xente velo moitas veces”.

Caballero, que tamén espera “que gañen os de Vigo”, en referencia ao cadete Antonio Serrat ou á paratriatleta Susana Rodríguez Gacio, afirmou que este evento chega “tras conversas co Consejo Superior de Deportes”, e amosou a súa satisfacción polo nivel do mesmo, “xa que Galicia e España teñen unha posición moi dominante no tríatlon mundial”.

O alcalde recibiu indicacións da localización dos percorridos dende o paseo de Samil, viu a rampla pola que sairán da area os participantes para pasar a disputar a carreira ciclista e coñeceu a denominada zona de transición onde se situarán as bicicletas. Despois, non dubidou en manifestar que “Samil é un escenario excepcional; non me atrevo a dicir que o mellor escenario posible, pero si que é un dos mellores de Europa”. Ademais, sobre o terreo lanzou unha idea de futuro: “Non descarten a idea de que este sexa escenario habitual de tríatlons de nivel”.

O presidente federativo, pola súa banda, explicou que hai 1.046 deportistas inscritos, que a organización “vai a bo ritmo” e que estarán os mellores, destacando que a presenza de Javier Gómez Noya, bronce nas Series Mundiais, “é unha garantía de que a proba é de nivel mundial”.