Dous xogadores do Amfiv, Bernabé Costas e David Mouriz, a Londres 2012

berniA Federación Española de Deportes de Persoas con Discapacidade Física fixo pública hoxe xoves a lista de doce elixidos, os xogadores que formarán parte da selección española de baloncesto en cadeira de rodas que participará nos Xogos de Londres 2012.

Tras a concentración realizada a pasada fin de semana en terras británicas e a participación no Torneo de Worcester, o corpo técnico do combinado nacional tomou a decisión definitiva. Bernabé Costas e David Mouriz, do Amfiv, van ser olímpicos.

"É unha pasada. Non hai palabras para describilo", explica Costas. "Ao principio non lles dás importancia porque non valoras a magnitude, pero conforme pasa o tempo dáste de conta de que son uns Xogos e que hai moita xente que pelexa toda a súa vida por conseguir estar e non o logra e nós imos estar nuns", puntualiza Mouriz.

O base de Vincios, formado nas propias escolas deportivas do Amfiv, recoñece que "tiña moitas dúbidas ata o último día. A competencia era moita e estar entre os catorce xa era demasiado, pero agora saber que estou entre os doce elixidos e que ademais vou ir co meu irmán pequeno por así dicilo, con David, é o máis".

E o mesmo opina Mouriz. "Déronnos a noticia nunha reunión antes de volver ao terminar o Torneo de Worcester, aínda que ata este xoves non foi oficial. Había a dúbida de se ía ir Berni ou eu ou se poderiamos ir os dous xuntos. Ao final vai ser así e por iso estou moitísimo máis contento", afirma o xogador de Narón.

De feito, todas as previsións apuntaban a que era máis que posible que un dos dous quedase fóra da lista definitiva. "Eu tiña moitas dúbidas ata a derradeira concentración, na que fixemos un bo traballo. Se o corpo técnico quería só un 2,5, podía buscar cousas que especificamente ofrece David ou miñas, pero penso que neste torneo probáronse dúas rotacións que funcionaban cos 2,5 e xa empecei a pensar máis en serio que por que non iamos poder ir os dous", analiza Costas, quen subliña que "somos como Zipi e Zape, un dá unhas cousas e o outro, outras. Ademais, coñecémonos e nos compenetramos moi ben porque levamos moitos anos xuntos".

Iso si, os dous amósanse profundamente agradecidos ao Amfiv, o club onde empezaron no baloncesto en cadeira de rodas e no que desenvolveron practicamente a totalidade da súa carreira. "Nós sos non conseguimos isto. É o froito do traballo de todo o club, do presidente, dos adestradores, do director deportivo, de toda a xente que traballa e colabora co Amfiv. Berni e eu imos ir a Londres pero é un éxito que implica a todo o grupo de traballo do Amfiv", agradece Mouriz.

Costas, pola súa banda, incide en que "temos que estar moi agradecidos ao club e ao equipo porque en gran parte estamos nesa lista grazas ao bo traballo que se fai no Amfiv. Se temos nivel para estar na selección, é porque o collemos aquí. O Amfiv leva trinta anos aguantando, ata agora coa crise económica, e apostando sempre por xente nova e da casa. Que mellor premio que ver agora a dous galleguitos nos Xogos".

Con todo, a felicidade non puido ser plena porque outro vigués e exxogador do Amfiv Agustín Alejos, na actualidade nas filas do Padova Millenium, quedou fóra dos elixidos, aínda que permanece entre os reservas para cubrir calquera posible contratempo. "É unha mágoa, pero creo que non ten que velo como algo negativo. O futuro de Agustín é espectacular e ten aínda moito futuro dentro da selección, da que chegará a ser un piar. Agora o que ten que facer é adestrar máis se cabe porque se hai calquera lesionado ou problema pode ter unha oportunidade", apunta Costas.

david01Mentres, Mouriz destaca tamén que "o principal problema de Agustín é a súa puntuación porque como 4 estaría seguro pero ao ser un 4,5 limita moito máis. De todos os xeitos, é novo e vai ter máis oportunidades".

A convocatoria para os Xogos de Londres 2012 suporá que tanto Berni como David queden sen vacacións, contratempo que aceptan gustosamente. De feito, o propio Costas xa anticipa que "agora temos que seguir adestrando duro porque do 6 ao 13 de xullo haberá unha nova concentración en Barcelona e o 17 de agosto marcharémonos a Inglaterra para empezar a xogar uns amigables antes de irnos a Londres para entrar na Vila Olímpica o día 25".

Bernabé Costas tamén apuntou que "é unha motivación incrible ver que é posible saír dun club humilde como é o Amfiv, sen o potencial económico do Fundosa ou o Valladolid, e meter a dous xogadores entre os doce elixidos para ir aos Xogos".