Xisela Aranda, campiona de España de squash por cuarto ano consecutivo

xiselaOs días 18, 19 e 20 de Outubro celebrouse nas instalacións do Club deportivo Alboraya en Valencia o Campionato de España absoluto de squash e en categoría feminina a vencedora foi a viguesa Xisela Aranda, becada VIDE, que derrotou con autoridade todos os seus partidos.

En primeira rolda, Xisela desfíxose de Lidia Tortosa e en cuartos de final, da galega Inés Goméz, ambos os dous partidos por 3-0. En semifinais enfrontouse coa súa compañeira de selección, Marina de Juan, que contaba co apoio do público xa que era a xogadora local, aínda así Xisela impúxose 3-0 nun partido que puido ser o final anticipado. Xa na final, se enfrontou á arxentina nacionalizada Luz Etchechoury para repetir o marcador e deixar constancia da súa superioridade.

Con este novo triunfo Xisela aumenta o seu curriculum deportivo e consegue o seu cuarto campionato de España consecutivo, que se suma ás cinco copas de España consecutivas que xa ten no seu poder. Un logro máis á traxectoria desta deportista número un de España e capitana da selección nacional.

"Xisela declaraba que estar aí arriba tantos anos seguidos pode parecer doado pero require ter unha gran regularidade e constancia. Este é o cuarto título nacional pero traballarei e loitarei cada día para que isto non pare ".

En categoría masculina o gañador foi, o tamén galego e nove do mundo, Borja Golán. Isto demostra o poder dos dous xogadores galegos que lideran o squash nacional en ambas as dúas categorías.