O Aldasa volve á Liga cun triunfo para seguir na loita pola quina praza

amfivcaiOs vigueses regresaron á competición na División de Honra de Baloncesto en Cadeira de Rodas cun triunfo ante o CAI Zaragoza (56-43), que pareceu perigar no segundo cuarto pero que deixaron sentenciado no terceiro parcial. Unha vitoria que permite ao Amfiv seguir aspirando á quinta praza da táboa clasificatoria a falta de dúas xornadas para a conclusión da tempada.

O Aldasa levaba moito tempo sen liga. Primeiro, a disputa das fases finais e máis tarde a nube de cinza volcánica que non permitiu ao Econy Gran Canaria desprazarse a Vigo provocaran que os vigueses non disputasen un encontro da División de Honra de Baloncesto en Cadeira de Rodas dende hai un mes. Precisamente, a falta de competición era unha das principais preocupacións do técnico do Amfiv, Abraham Carrión, no seu compromiso da vixésima xornada ante o CAI Zaragoza. Un mes sen a tensión dun encontro oficial podía pasar factura aos seus pupilos ante un rival en clara liña ascendente e pelexando por manter a categoría, en boa medida grazas á incorporación do iraniano Torfi. Dende a súa chegada, os maños, que parecían desafiuzados ao termo da primeira volta, acumulan catro vitorias e reengancháronse á loita pola permanencia. Pero o Aldasa borrou de inicio calquera medo cun primeiro cuarto moi inspirado, en especial de Berni Costas, para poñer terra a medias (20-6, min.10). Non obstante, os locais durmíronse nos loureiros e permitiron que o CAI resucitase para marchar ao intermedio soñando con dar a campanada en Bouzas como poucas semanas antes fixeran ante o Fundación Grupo Norte (33-27, min.20). Así, o conxunto de Carrión tivo que poñer de novo o mono de traballo tras o intermedio para pechar o choque ao termo do terceiro período (47-33) e asegurar unha vitoria que lle permite seguir tendo a tiro a quinta praza a falta de dúas xornadas para a conclusión da tempada na División de Honra de Baloncesto en Cadeira de Rodas.

Os vigueses iniciaron o encontro con ganas e moi enchufados. O longo parón non parecía pasar factura e o equipo volvía despregar o xogo alegre e dinámico que lle permitiu alcanzar por terceira vez nos últimos seis anos a grande final da Copa Willi Brinkmann. Ademais, nesta ocasión os lanzamentos exteriores si que entraban. Todo o contrario lle acontecía aos visitantes, incapaces de superar a boa defensa formulada polo Aldasa. Deste modo, a base de rápidas transicións e acertados tiros, a renda foise disparando pouco a pouco ata rematar o parcial con 20-6 para os anfitrions, cunha destacada actuación de Berni Costas, autor de 10 puntos nestes dez minutos iniciais.

O Amfiv cometeu o grave erro de crer que xa estaba todo feito. A precipitación chegou aos ataques, que xa non buscaban cómodas posicións de lanzamento como antes, e a defensa baixou en intensidade. Así, o CAI, baixo a batuta, como non, de Torfi lograba anotar con asiduidade e as opcións de contragolpe vigués esfumábanse ao non haber rebote. Con 25-21 (min.16), Carrión solicitaba o seu segundo tempo morto para intentar espertar aos seus xogadores pero sen éxito. Os visitantes igualaban o marcador (27-27, min.18) e só un empuxón antes do intermedio de Lorenzo, Costas e Alejos permitía ao Aldasa marchar ao descanso cunha mínima renda a favor (33-27, min.20).

O dano estaba feito. O CAI rematara completamente afundido o primeiro cuarto pero ao intermedio estaba de novo vivito e coleando, pensando mesmo en pelexar un partido que, tal e como empezara, nin soñaba con loitar. Porque o comezo do terceiro cuarto non variaba demasiado a dinámica anterior (35-32, min.23). Ata que o técnico do Aldasa decidiu subir liñas en defensa e apertar a saída do balón rival, castigando de novo os maños con rápidas transicións. Ademais, a cuarta falta persoal de Torfi mandaba ao referente visitante ao banco no minuto 27, achandando o camiño para o parcial de 12-1 co que os locais pechaban o parcial e deixaban case visto para sentenza o choque (47-33, min.30).

Porque o partido estaba sentenciado salvo que o Aldasa sesteara de novo. Non foi así. Dous contragolpes de Leo Tahti, un triplo de Lorenzo Envó e outra canastra tras roubo do finlandés (56-35, min.36) daban o triunfo a un Amfiv que xa si durmiu tranquilo ata o asubío final (56-43).

FICHA TÉCNICA
ALDASA AMFIV: Xullo Vilas (2), Berni Costas (17), Santi Comesaña (-), Lorenzo Envó (11), Lalo (6) -cinco inicial-, David Mouriz (-), Moncho Pombo (-), Agustín Alejos (11), Leo Tahti (9), Najib Essahiri (-), Vicky Alonso (-) e Alberto Abalde (-).
CAI ZARAGOZA: Tejada (12), Anaya (-), Maldonado (9), Pérez (5), Torfi (11) -cinco inicial-, Fontes (4), Rodríguez (-), Salgueiro (2) e Vila (-).
PARCIAIS: 20-6, 33-27 (descanso), 47-33 e 56-43 (final).
ÁRBITROS: A. Veiga e M.J. Tecido. Sen eliminados.
INCIDENCIAS: Encontro correspondente á vixésima xornada da División de Honra de Baloncesto en Cadeira de Rodas disputado no Pavillón de Bouzas.