VIDE, sede da presentación do apoio do Casablanca á ONG viguesa Implicadas

p8180002A Fundación Vigo en Deporte (VIDE) foi o lugar elixido este xoves pasado polo Casablanca para escenificar o apoio do club de fútbol á ONG Implicadas no Desenvolvemento.

O San Roque Casablanca, club vigués fundado en 1931 e que en xullo pasado cumpriu 80 anos, levará publicidade dunha ONG local, Implicadas no Desenvolvemento, no equipamento do seu conxunto feminino, que acaba de ascender á liga Preferente. Pero tamén portará o logo na roupa de adestramento de todas as súas categorías, catorce equipos desde os conxuntos de base aos senior, que compiten en 3ª Rexional (Autonómica). Este apoio solidario é unha novidade a nivel de Galicia.

O club que preside Juan Lago presentou o acordo na sede de VIDE, no edificio do IMD das Travesas, logo de asinar o día anterior outro convenio, este de filialidade, co Círculo Mercantil. Lago, que estivo acompañado pola capitá do primeiro equipo da entidade, Paula Martínez, e polo seu adestrador e director deportivo das categorías base, Lino Melón, celebrou un acordo que dende o club cualifícase de "altruísta". "Somos un club humilde pero histórico", lembrou a súa capitá.

No acto, a ONG estivo representada por unha compoñente da directiva, Blanca Rodríguez. Implicadas naceu en 1998 e actualmente ten proxectos na India (en Salem e en Tiruchy), onde a súa dedicación trata de impedir o infanticidio feminino, unha práctica habitual nese país.

Implicadas está na recta final da súa campaña "1 de 200", na que coa achega de 12 euros mensuais de 200 persoas, a ONG garante a súa presenza neses dous lugares na India loitando contra a pobreza (microcréditos) e a violencia de xénero.

Con moitos apoios no mundo da cultura (Tosar, Reixa, Celso Parada, Uxía Senlle...), esta é a primeira aproximación ao deporte de Implicadas, que avanza que desexa ampliar a súa presenza noutras modalidades. "Especialmente gustounos poder chegar a este acordo cun equipo feminino, que son os que menos visibilidade teñen", asegurou a representante dunha organización que traballa activamente pola igualdade de xénero.

O Casablanca tamén anunciou que busca patrocinadores para o equipo feminino nesta tempada tan especial na que a loita será por lograr a permanencia.