El Olivo xoga este sábado en Salceda de Caselas un 3x1 fronte ao Erizana e o Leixoes

374olivo2Primeiro torneo oficial da pretempada para El Olivo este sábado día 20 en Salceda. Cun formato "3x1" será unha proba a moi pouco tempo xa para o comezo da competición feminina na máxima categoría do fútbol estatal.

O conxunto vigués, recentemente ascendido á Primeira División, xogará un triangular en Salceda de Caselas xunto co Erizana C.F. de Baiona, equipo de 2ª División (a anterior 1ª Nacional), que adestra Estévez (extécnico do Olivo), e o equipo portugués Leixões Sport Club, da 1ª División Nacional feminina.

Será unha boa pedra de toque para que Joaquín Balbuena, Quin, preparador das viguesas, saque conclusións logo de cinco semanas de intenso traballo de face ao primeiro encontro, o 4 de setembro no Municipal Pahiño de Navia, contra as catalás do San Gabriel de Sant Adrià de Besós. Polo tanto será ese o primeiro encontro dunha liga infestada de estrelas con equipos con cinco veces máis orzamento que El Olivo, o representante de Galicia.

O club vigués sufriu a baixa este verán de Miriam Domínguez (ao Atlético Arousana) e fichou do Erizana baionés á porteira Ana Durán e a defensa Desirée Gardón, e tamén do desaparecido Pontevedra ás centrocampistas Cristina Bouzada e Karen Moreira.

En Salceda, o 3x1 comezará co partido entre as portuguesas e o Erizana, despois saltarán ao céspede de A Gándara viguesas e baionesas (19:00 horas) e, para rematar, os 45 minutos da teórica final entre as lusas e o Olivo.