Premios Siareiros 10/11 para as afeccións do Octavio e Celta Bosco, o Club Vigo e o Maniotas

maniotaspremioNo decurso da presentación do programa Siareiros Elite entregáronse os premios Siareiros pola súa posición activa na tempada pasada (2010/2011).

Este ano desapareceron os trofeos tradicionais por unhas medallas, xa que estamos nunha tempada preolímpica.

O de mellor afección foi exaequo para as do Octavio e do Celta Bosco. Aquela, polo seu apoio incondicional nos meses nos que o equipo académico xogábase o ascenso á Asobal, con iniciativas como a de “Al rojo Vigo” (carteis dinamizadores dos encontros) e a gran asistencia aos partidos, ven nas Travesas, ven en Navia. Esta, polo traballo realizado en especial durante o Campionato de España de baloncesto infantil, en Vigo, dos pais e nais do conxunto céltico, dando exemplo activo de colaboración co club (venta de merchandising, sorteos…) ademais de encher as bancadas de Navia, o Multiusos onde xogou o Celta de Mariano Villalón os seus choques do torneo. Recolleron na súa representación Jorge Ramírez (siareiro do Octavio) e Ángela Molins (siareira do Bosco e premio Siareiro 2010).

Ademais, nesta terceira edición dos premios o mellor club Siareiro Base foi o Maniotas, organizador da Copa do Mundo de ximnasia estética, por vez primera nas Travesas, e o de Elite para o Club Vigo Voleibol, que se mantivo na Superliga e que leva dende os anos 70 dando pulo ao voleibol vigués. O Maniotas (fundado no ano 1986 e presidido por Paula García) e o C.V. Vigo de Guillermo Touza recolleron o premio vivamente felices con nenos e nenas representando aos seus equipos e/ou categorías base, con moitas simpatías do público para as rapazas do Maniotas, que levan dende 2005 representando a Vigo no Mundial da súa disciplina.