Apoio do alcalde ao Celta Bosco, nunha xornada de gran protagonismo do club no Concello

1319547818boscoProtagonismo absoluto do Celta Bosco no Concello de Vigo esta mañá, tanto en Alcaldía como na sala de prensa con dous actos ben diferentes: a recepción aos membros do club que foron mundialistas de prata este verán e o apoio da entidade a través da presenza dunha xogadora nos actos municipais contra a violencia de xénero.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o concelleiro de Deportes, Manel Fernández, recibiron hoxe á representación céltica que participou este verán no Campionato do mundo sub 19 de baloncesto feminino, en Bangkok (Tailandia), e que obtivo a medalla de prata con España. Carlos Colinas (seleccionador), Marina Delgado (xogadora) e Mario Muñoz (preparador físico) acudiron a Alcaldía acompañados polo vicepresidente do Celta Bosco, Carlos Álvarez, destacando a súa "satisfacción polo recoñecemento municipal ao noso éxito", explicou Colinas.

Nun encontro privado duns 40 minutos, o rexedor interesouse pola traxectoria de España no Mundial, preocupouse polo contratempo físico sufrido por Delgado no adestramento de onte nas Travesas (escordadura de nocello dereito, grao 2, dúas semanas de baixa), pois a internacional acudiu con muletas, e tamén preguntou pola situación deportiva do primeiro equipo, que este sábado xoga o seu terceiro encontro da Liga Feminina, segundo no Pavillón Central.

"A súa satisfacción tamén é a miña", dixo o alcalde en conferencia de prensa, "porque unha participación internacional desta envergadura e cun subcampionato mundial é un feito deportivo notable que amosa a importancia e arraigamento do deporte de base en Vigo e do baloncesto de forma moi singular", concluiu.

Colinas pode presumir de ser o adestrador máis laureado coas seleccións basee de España (desde verán de 2004 no inesquecible Turín, catro medallas de ouro e dous de prata entre Europeos e Mundiais desde cadete a sub 19), ademais de ser unha tempada seleccionador de Brasil.

Caballero apuntou tamén que durante a recepción "falouse das necesidades financeiras do club" nun ano complicado. "De novo renoveilles o noso apoio. Non vai ser doado porque os recursos son os que son pero confío que nos Orzamentos do vindeiro ano podamos completar as cantidades que se necesitan", anunciou. O alcalde lembrou que a entidade que preside Paco Araújo "está vendo baixar de forma moi importante os patrocinios, e ese espazo ten que ser cuberto provisionalmente desde o ámbito público".

1319544756chusIgualdade. A concelleira de Igualdade, Chus Lago, e representantes do Consello Municipal da Muller de Vigo presentararon hoxe martes en rolda de prensa a iniciativa “Enlaza Vigo” contra a Violencia de Xénero, coa que se pretende formar unha gran cadea humana contra o machismo o vindeiro día 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero. No acto participaron tamén tres dos "Enlaces" que xa sumáronse a esta iniciativa: o cantante Nicolás Pastoriza, a música Patricia Moon e a pívot do R.C. Celta Bosco de baloncesto, Déborah Rodríguez (segunda pola dereita na imaxe).

Co gallo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero ás 11 horas haberá unha cadea humana con dous puntos de encontro: o frontal do Museo de Arte Contemporáneo na rúa Príncipe, e a Praza do Rei, diante do Concello. Na cadea situaranse 600 siluetas de muller, en representación e homenaxe ás vítimas da Violencia de Xénero que se contabilizan dende 2003 en España (datos do Ministerio de Igualdade).