O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou tras a súa visita este luns á aula de educación especial do colexio Seis do Nadal que nos orzamentos municipais de 2012 haberá maiores fondos para o deporte de base.
"Quero manifestar a nosa vocación cara ao deporte de base de Vigo e adiántolles que a dotación orzamentaria para o deporte de base vaise a incrementar de forma moi notable", dixo. Segundo o rexedor, os orzamentos están a piques de ser acabados. "Queremos facer un esforzo, incluso nesta época de crise, porque o deporte dos mozos e das mozas -incidiu Abel Caballero- é fundamental nunha cidade e no propio proceso de formación".
Segundo o alcalde socialista, as dúas grandes áreas de 2012 serán "a política social e o deporte de base". Minutos antes de facer este anuncio ante os medios de comunicación, o alcalde xa explicara á directora do centro público que o Concello incrementará as axudas para que os clubs poidan pagar os seus adestramentos nas instalacións deportivas municipais do IMD, organismo autónomo que se encarga da xestión da rede de campos e polideportivos da cidade.
Un importante grupo de clubs de categorías inferiores xa goza de axudas para o pago das horas de adestramento en pistas municipais grazas ao apoio da Fundación Vigo en Deporte, que cada verán abona ao IMD unha suma elevada por adestramentos dos equipos.