A selección viguesa campioa do 3º torneo internacional cadete en categoría masculina serie "a". O pasado domingo día 4 de abril do 2010 o Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia organizou a xornada de categoría Cadete Masculina Serie "A" do 3º Torneo Internacional Cadete "Coia, Núcleo de Baloncesto en Vigo", xornada na que a Selección Precadete de Vigo se proclamou campioa.
Os seis equipos que competiron nesta xornada de categoría Cadete Masculina Serie "A" foron o Izmar Seis do Nadal (Vigo), Colexio Agustinos de León (León), Instituto Rosalía de Castro (Santiago de Compostela), a Selección Precadete de Vigo (Vigo), F.C. Porto (Oporto - Portugal) e Básquet Coruña (A Coruña).
Estes seis equipos divididos en dous grupos disputaron a fase de clasificación durante a mañá no Pavillón Municipal de Balaídos. O F.C. Porto encabezou o Grupo "A", seguido do Rosalía de Castro e do Izmar Seis do Nadal. No Grupo "B" a Selección Precadete Viguesa foi o primeiro equipo clasificado, sendo o segundo o Colexio Agustinos de León, e o terceiro o Básquet Coruña.
Na fase final de cruces, disputada pola tarde, no partido polo 5º e 6º posto o Izmar Seis do Nadal lograba a vitoria ante o Básquet Coruña despois de que nos intres finais do encontro o equipo coruñés fixo peligrar a vitoria do Seis do Nadal. No encontro pola 3º e 4º posición disputado entre o Colexio Agustinos de León e o Rosalía de Castro dominou a igualdade ao longo de todo encontro decidíndose o partido nos últimos segundos a favor do Rosalía de Castro santiagués.
O partido final da Categoría Masculina Serie "A" do 3º Torneo Internacional Cadete 2010 emparexou á Selección Precadete Zonal de Vigo e ao F.C. Porto. Despois dun encontro no que os equipos finalistas non lograban distanciarse no marcador, a igualdade permaneceu novamente ata os últimos minutos. Nos últimos dez segundos do encontro o equipo luso gañaba pola mínima (71-72). A derradeira posesión en máns da Selección Precadete Viguesa decidiu o encontro, e tras un rápido ataque os xogadores da selección anotaron unha canastra de dous puntos (73-72) que lles proclamba campións desta terceira xornada do torneo.
No acto de clausura e na entrega de premios desta xornada de categoría Masculina Serie "A" do Torneo Internacional Cadete 2010 estivo presente Mar Lago, Presidenta do Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia; Conchi Martíns, Directiva do club; Sergio González, Director Deportivo da entidade; Adolfo Puig, como representación dos pais e nais; Margarita Niño, Secretaria do CPI Celso Emilio Ferreiro; e Breixo Solla, en representación dos adestradores do club.
O FC Porto campión do 3º torneo internacional cadete 2010 do club en categoría feminina
O pasado sábado día 3 de abril do 2010 o Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia organizou a xornada de categoría Cadete Feminina do 3º Torneo Internacional Cadete "Coia, Núcleo de Baloncesto en Vigo", xornada na que o FC Porto de Portugal se proclamou conxunto campión.
Os seis conxuntos que competiron nesta xornada de categoría Cadete Feminina foron o Seis do Nadal (Vigo), F.C. Porto (Oporto - Portugal), Porriño Baloncesto Base (O Porriño), C.B. Arxil (Pontevedra), Eduardo Blanco Amor (Ourense) e G.D.G. Basquetebol (Gafanha de Nazaré - Portugal).
Estes seis equipos divididos en dous grupos disputaron a fase de clasificación durante a mañá no Pavillón Municipal de Balaídos. O Seis do Nadal encabezou o Grupo "A", seguido do G.D.G. Basquetebol en segundo lugar e do C.B. Arxil en terceira posicióin. No Grupo "B" o F.C. Porto foi o primeiro equipo clasificado, sendo o segundo o Porriño Baloncesto Base, e o terceiro o Eduardo Blanco Amor.
Na fase final de cruces, disputada pola tarde, no partido polo 5º e 6º posto o C.B. Arxil lograba a vitoria ante o Eduardo Blanco Amor despois dun encontro de máxima igualdade ata os últimos segundos. No encontro pola 3º e 4º posición disputado entre o G.D.G. Basquetebol e o Porriño Baloncesto Base, o equipo portugués conseguía a vitoria cun tiro de tres sobre a bocina (51-48).
O partido final da Categoría Feminina do torneo enfrontou ao Seis do Nadal e ao F.C. Porto. O equipo vigués comezou o partido distanciándose no marcador nos primeiros períodos do mesmo, momento no que o F.C. Porto comezou a recortar distancia superando ao Seis do Nadal no final do terceiro período. O último período confirmou a vitoria do F.C. Porto por 54-64, equipo que se proclamou campión da xornada.
No acto de clausura e na entrega de premios desta xornada de categoría Feminina do 3º Torneo Internacional Cadete 2010 estivo presente Adrián Sabido, Directivo do Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia; Aalí Mohamed, Presidente de Honra do club; Sergio González, Director Deportivo da entidade; Adolfo Puig e Enrique Gómez, en representación dos pais e nais do club; e Carlos Martínez, Director Deportivo do G.D. Gafanha.
O GDG Basquetebol campión do 3º torneo internacional cadete categoría masculina serie "b"
O pasado venres día 2 de abril do 2010 o Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia organizou a primeira xornada do 3º Torneo Internacional Cadete 2010 "Coia, Núcleo de Baloncesto en Vigo" de categoría Cadete Masculina Serie "B", no que o GDG Basquetebol (Gafanha da Nazaré - Portugal) foi o combinado campión desta edición.
Os seis equipos que competiron nesta xornada de categoría Cadete Masculina Serie "B" foron o Seis do Nadal Illas Cíes (Vigo), Seis do Nadal Celso Emilio Ferreiro (Vigo), GDG Basquetebol (Gafanha de Nazaré - Portugal), C. Salesianos (Vigo), Carmelitas Vedruna (Ourense) e CB Baiona (Vigo).
Estes seis equipos divididos en dous grupos disputaron a fase de clasificación durante a mañá no Pavillón Municipal de Balaídos. O GDG Basquetebol liderou o Grupo "A", seguido do CB Baiona e do Seis do Nadal Celso Emilio Ferreiro. No Grupo "B" o Colexio Salesianos foi o primeiro clasificado, sendo o segundo o Seis do Nadal Illas Cíes, e o Carmelitas Vedruna o terceiro clasificado.
Na fase de cruces por postos, disputada pola tarde, no partido polo 5º e 6º posto o Carmelitas Vedruna lograba a vitoria ante o Seis do Nadal Celso Emilio Ferreiro. No encontro pola 3º e 4º posición o Seis do Nadal Illas Cíes conseguía o terceiro posto ao impoñerse ao CB Baiona desde o segundo período.
A final da primeira xornada do torneo a disputaron o GDG Basquetebol e o Colexio Salesianos, nun encontro de máxima iguldade ata os últimos minutos nos que o equipo portugués conseguía a máxima vantaxe no marcador, chegando a un resultado final de 86-76 que lle outorgaba o primeiro posto do campionato.
No acto de clausura e na entrega de premios desta xornada de categoría Masculina Serie "B" do 3º Torneo Internacional Cadete 2010 estivo presente Mar Lago, Presidenta do Club Baloncesto Seis do Nadal - Coia; Conchi Martíns e Adrián Sabido, Directivos do club; Sergio González, Director Deportivo da entidade; e Adolfo Puig e Manolo Dapena, representantes dos pais e nais do club.