Andrea Rica e Miguel Romero, mellores deportistas de Vigo e a súa comarca en 2010

grangala2011A taekwondista Andrea Rica e o judoka Miguel Romero foron distinguidos onte como os mellores deportistas de 2010 na duodécima edición da Gran Gala do Deporte de Vigo e a súa Comarca que organizan de forma conxunta Concello de Vigo, Novacaixagalicia, Faro de Vigo e VIDE.

O evento serviu tamén para premiar ás mellores promesas do ano no deporte vigués. En categoría feminina ese galardón foi a parar á regatista Lara Lagoa. En categoría masculina o galardoado foi o piloto de trial Jorge Casales.

A festa do deporte vigués tamén quixo ter catorce mencións especiais que foron parar a mans de clubs e sociedades con máis de corenta anos de vida que foron esenciais, entre outras cousas, para que hai un ano se recoñecese á cidade co Premio Nacional do Deporte. Para agradecer ese esforzo e a súa dedicación o xurado tomou a decisión de premiar ao Comesaña Sporting Club de atletismo, o Club Deportivo Bosco de baloncesto, o Club Ciclista Vigués, o Club Deportivo Coia de fútbol, os Montañeiros Celtas, o Travesas Hóckey Club de patinaxe, o Club Vigués de Pelota Vasca e a S.D. Octavio de balonmán. Así mesmo, premiarase o traballo desenvolvido polo Círculo Mercantil e Industrial, o Real Club Náutico de Vigo, o Liceo Marítimo de Bouzas e o Club de Campo, sociedades sen as que sería imposible entender o deporte en Vigo. Así mesmo, tamén lle correspondeu mencións especiais á Agrupación Deportiva Vigo polo seu labor no desenvolvemento da competición Vigo en Xogo -que cada fin de semana reúne nas súas competicións a varios miles de deportistas nas súas competicións- e a Manuel Roca Mirón, pola súa traxectoria.

Na quenda de intervencións, o alcalde de Vigo, Abel Caballero; o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso e o director da Obra Social de Novacaixagalicia, Guillermo Brea, destacaron a tradición deportiva da cidade e resaltaron a importancia que o deporte ten na transmisión de valores.

A festa, celebrada nun concorrido Centro Cultural Novacaixagalicia, converteuse no mellor escaparate do deporte vigués.