Cabecera Vide

O Aldasa Amfiv volve este sábado á Liga cun choque trampa na pista do último

374amfivgrancanaria1Unha vez superado o negativo mes de marzo, coas temperás eliminacións copera e europea, o conxunto de César Iglesias regresa este sábado (19.00 horas) á realidade da División de Honra de Baloncesto en Cadeira de rodas visitando a cancha do GAM Joventut de Badalona, un equipo que ocupa a última posición da táboa clasificatoria pero que xa demostrou na primeira volta no Pavillón de Bouzas (59-50) que non será un rival doado.

Así o recorda o técnico do Aldasa, César Iglesias. "Foi un encontro no que dominamos case sempre o marcador pero por poucos puntos xa que nos custou moito abrir brecha porque é un equipo correúdo que nunca baixa os brazos. Ademais, o seu adestrador-xogador, Fabián Castilla, fíxonos bastante dano polo seu manexo de cadeira con balón. Conseguiu crear case sempre vantaxes tanto en situacións dun para un como en accións de bloqueo e continuación e tamén conseguiu romper con asiduidade nosa presión. A isto hai que engadirlle a un bo xogador clase catro como Roberto Mena cun tiro a taboleiro dende a parte esquerda bastante perigoso. Se conseguimos controlar estes dous xogadores e facemos ben o noso traballo teremos o encontro ben canalizado", apunta Iglesias.

Despois de seis encontros consecutivos sen coñecer a vitoria -catro da euroliga 1 celebrada en Norrkoping, o de Liga ante o Getafe e o cruzamento de cuartos de final da Copa do Rei co Fundosa Once-, o Aldasa desexa reatoparse xa co triunfo. "Sempre é necesario gañar para estar ben anímicamente pero tamén é importante que ante o Getafe competimos e que perdemos por cinco puntos debido a que houbo accións doadas nas que non logramos anotar e ante o Fundosa na Copa tamén se foi o partido no momento no que empezamos a fallar. Sabemos que se queremos dar un paso adiante temos que superar esa barreira, mellorar esa faceta, aínda que contra rivais da zona baixa da táboa na primeira volta estivemos ben e espero que nesta segunda sigamos na mesma liña. De tódolos xeitos, un triunfo viríanos moi ben para virnos un pouco arriba", resalta Iglesias, quen, de momento, non mira preocupado cara á zona baixa da clasificación. "Contamos cunha diferenza bastante avultada pero non podemos acomodarnos. Debemos solucionar o antes posible a permanencia e asegurar a salvación matematicamente", remarca o técnico do Amfiv.

Iglesias subliña o traballo realizado polos seus pupilos nesta semana previa ao reencontro ligueiro. "Adestramos outra vez a bo nivel, especialmente polo número de xogadores dispoñibles que fai que haxa bastante competitividade adestrando. Foi unha semana normal de traballo na que vimos algunhas das cousas que fixemos na Copa e que nos deron bo resultado. Por exemplo, unha defensa máis parecida ao baloncesto a pé que ás habituais en cadeira, premendo moito o balón e con constantes axudas, aínda que sen esquecer as outras alternativas defensivas coas que xa contabamos. Ademais, ofensivamente tamén incidimos en diferentes detalles sobre o que xa tiñamos. Agora estamos impacientes e con moitas ganas de poñer todo isto en práctica", afirma o adestrador vigués.

Non obstante, o preparador do Aldasa segue pendente do grande problema esta tempada do seu equipo. "Preocúpanos tamén moito o acerto no tiro. Dedicamos entre 30 e 40 minutos cada adestramento a tirar. Aí vai estar a diferenza entre gañar ou perder os partidos. Malia todo, tamén sabemos que non é o mesmo tirar ante xogadores moi grandes da envergadura dos do Fundosa como Chambers ou Bywater que o facer nun adestramento ou ante rivais con menos altura. Por iso, ante o Joventut hai que metelas", finaliza Iglesias.