Cabecera Vide

Miriam Pérez, bolseira VIDE do Valladares, subcampioa de Europa infantil de patinaxe artística

miriam1A viguesa Miriam Pérez, do Club Patinaxe Valladares, obtivo este mércores a medalla de prata na Copa de Europa de patinaxe artística e danza, que se ven disputando ao longo desta semana na localidade francesa de Gujan-Mestras (Aquitania).

A galega, ouro o ano pasado na Copa de Europa de Catania (Italia), colleitou o segundo posto do podio infantil por detrás da eslovena Jessica Marka.

Miriam, bolseira pola Fundación VIDE este ano e xa unha das caras coñecidas do deporte local ao participar intensamente este verán na promoción do programa Siareiros Elite de VIDE, foi unha das dúas únicas participantes que se atreveu a executar o combinado de tres dobre rippers completos e tamén estivo fantástica na reversada. Para o ouro faltoulle non errar nun combinado, pero de novo subiuse ao caixón das mellores. En outubro foi prata no Campionato de España infantil en Santiago, logrando así o pase ao Europeo.

No programa longo, Miriam Pérez executou os exercicios con moita elegancia e buscando a máxima dificultade, o que lle valeu os aplausos do numeroso público que se deu cita no polideportivo.

O evento, organizado polo club UAGM, reúne ata o sábado a 170 patinadores de dez países. Na categoría da patinadora olívica competiron 18 patinadoras de sete países.

Miriam asinou en setembro pasado un manifesto de apoio ao programa Siareiros Elite, xunto coa bicampioa do mundo  de vaurien Laura Llópiz e as dúas participaron hai dúas semanas nunha sesión fotográfica promocional do carné Siareiros Elite no Centro de Recepción de Visitantes (CRV) que a Concellería de Turismo ten na Laxe.