Pierre Ianni e Santi Domínguez, entre os asistentes á gala das bolsas VIDE, nun cheo Centro Social Caixanova

pierreianisechuA gala das bolsas VIDE reuniu este venres á gran maioría dos patróns da Fundación Vigo en Deporte e a un bo número dos patrocinadores. Por vez primeira dende o seu nomeamento en 2007 como director da planta viguesa de PSA Peugeot Citroën, Pierre Ianni acudía a esta entrega de axudas económicas.

Ianni xa estivo no acto de apertura de tempada do proxecto Siareiros, en outubro pasado no auditorio do museo Verbum, e a pesares da súa apertada axenda como director da factoría viguesa, amosou novamente onte o seu agarimo ao deporte envorcándose con VIDE.

Tamén acudiu por vez primeira neste mandato municipal Santiago Domínguez, tenente de alcalde de Vigo e o político que ideou VIDE no periodo 1999-2003 no que foi concelleiro de Deportes no consistorio vigués. Xunto a eles estiveron o presidente de VIDE, Xabier Alonso, ademais concelleiro de Deportes de Vigo; Laura Magdalena, xerente de VIDE; Jorge Santos, director de Infancia, Mocidade e Deporte de Caixanova; e María José Táboas, directora de Relacións Externas de PSA Peugeot Citroën.

Con máis de 300 asistentes nas butacas, tamén acudiron á gala representantes de once empresas que colaboran coa fundación: Begano (Coca-Cola, María Troncoso), Altia Consultores (Adolfo Román), Viaxes Eroski (Belén Suárez), Umbro (Rodrigo Pérez), Movisa (Juan Luis Carro), Anónimo Publicidad (Juli Molares), Faro de Vigo (Victoria Iglesias), Mar de Ons (Silvia Torres), Frutas Neves (Juan Andonegui), Campos e Rial (José Rial) e Comercial Alejandro (Alejandro Costas).

Este ano, o comité executivo de VIDE decidiu personalizar as bolsas Elite, un total de once, repartidas entre Coca-Cola, Altia Consultores e Faro de Vigo, con cadansúa bolsa, e dúas axudas específicas por patrón para Concello, Caixanova, Pescanova e PSA Peugeot Citroën.