Vigo en Xogo adopta un balón oficial Umbro para as súas competicións 2011/2012 de fútbol 7 e fútbol sala

fusionize2A Agrupación Deportiva Vigo e Fusionize SL (antigo Umbro SL e actual titular da licenza de Umbro Teamwear en España) alcanzaron un acordo que permitirá á liga Vigo en Xogo dar un salto de calidade nas súas competicións. A histórica competición recreativa que reúne a uns 4.000 participantes entre fútbol 7, fútbol sala e baloncesto pactou con Fusionize a adopción dun balón oficial Umbro para as súas competicións de fútbol 7 e fútbol sala para a tempada 2011/2012.

Vigo en Xogo dispútase en varias instalacións deportivas do IMD e nalgúns campos de xestión privada, e ata agora non dera o paso de incluír un balón oficial para todos os equipos, 165 de fútbol 7 e 115 de fútbol sala, a fin de que xoguen coas mesmas opcións. Esta decisión tamén dá unha maior seriedade ao campionato nese aspecto.

O acordo supón que a A.D. Vigo entregará un balón oficial a cada equipo coa inscrición para a tempada 2011/2012. O balón Umbro será o único permitido no próximo campionato. Os equipos que queiran dispor de máis balóns (tanto para fútbol sala como para fútbol 7) poderán solicitalos á organización de Vigo en Xogo a un prezo reducido de 13 euros.

Ademais, a Agrupación Deportiva Vigo, organizadora de Vigo en Xogo, e Fusionize acordaron outra novidade para a próxima tempada. Todos os equipos integrantes de Vigo en Xogo poderán beneficiarse dun desconto do 40% en equipamentos Umbro e dun 20% de rebaixa en material desta mesma marca. Esta beneficiosa decisión concrétase a través das tendas de deportes, Tiempo Muerto, na rúa Urzaiz, e Deportes Balbi, na rúa Fragoso.

Fusionize tamén fai extensivo o acordo do 20% de desconto en material deportivo Umbro para os Siareiros e Siareiras da Fundación Vigo en Deporte.