Deportistas vigueses din nun manifesto que a afección local é "a pedra angular" do programa Siareiros

manifiestollopizDurante a presentación da tempada siareira 2011/2012 onte no Verbum, catro deportistas locais relevantes leron un manifesto de compromiso do deporte vigués co programa Siareiros.

 

Baixo o título “Vigo, co deporte”, Miriam Pérez, campioa de Europa infantil en patinaxe artística (é do Patín Valladares e competiu con España), Laura Llópiz, bicampioa do mundo de vaurien (R.C. Náutico), José Antonio Fernández, “Cerillo”, capitán do Academia Octavio de balonmán, e Enrique de la Fuente, campión de Europa de voleibol con España en 2007 e xogador do Club Vigo, manifestaron diante dun auditorio ateigado que “é un luxo ao alcance de moi poucas cidades ter oito equipos na división de honra”, recoñeceron que “o traballo de canteira é calado, sacrificado e educativo” e que “o esforzo de deportistas e clubs necesita ser compartido por unha afección fiel porque non hai brillantez nunha vitoria sen aplausos e porque son a pedra angular de calquera proxecto”.

De la Fuente pechou o manifesto lembrando que “só dende a unidade poderemos presumir de logros futuros que engadir aos moitos pasados”. Todos aseguraron que é "un orgullo" ser siareir@, piar deste novo pulo que a Presidencia da Fundación VIDE lle quere dar ao programa.

Cerillo, que é capitán do Octavio e ademais traballa arreo tamén como directivo, polo que entende perfectamente o día a día dos clubs, relevou no derradeiro momento ao tamén balonmanista do Octavio Pablo Cacheda, subcampión do mundo xuvenil, que non puido achegarse ao Verbum por exames.

O carné Siareiro Elite está á venda a través dos clubs do programa, aínda que calquera pode tamén xestionalo na oficina de VIDE, no IMD das Travesas, no caso de non poder contactar co seu club, ou para informarse de presos e programa. O prezo vai dende os 15 euros (infantil) ata 150 euros familiar ou os 500 do Palco VIP Dúo. O prezo segue conxelado e ademais incorporáronse outras modalidades, como o carné para parado, pensionista e familiar especial (unidades familiares que non chegan a unha determinada renda anual).

Segue a existir un ano máis o carné Siareiros Club, no que por 6 euros o socio apoia ás entidades de base e VIDE premia esa axuda da sociedade viguesa pagando os seus adestramentos en instalacións deportivas municipais.

Na imaxe, a regatista Laura Llópiz, do Náutico, durante a súa intervención na lectura do manifesto de apoio ao programa Siareiros.

Manifesto siareiro 2011/12 (179.94 kB)