Cabecera Vide

Nova infraestrutura técnica do Vigo Stick para unha escola de hóckey a patíns dende os 4 anos de idade

vigostick7O Vigo Stick reorganízase tras unha tempada 2010/2011 difícil. O club que preside Quique Urdiales estudou co cadro técnico unha fórmula a longo prazo para volver ser plenamente competitivos.

O vindeiro día 15, xoves, ás 17:00 horas darán comezo no pavillón de Bouzas as escolas do club para nenos e nenas de 4 a 6 anos, é dicir, para idades que aínda non poden entrar nas escolas deportivas municipais. “Analizando o traballo na Coruña e Cataluña vimos que os nosos nenos e nenas empezaban a xogar ao hóckey a patíns con 8 anos e así non podemos competir, lévannos unha vantaxe abismal”, sostén Urdiales.

Por iso decidiron captar ás futuras xeracións de xogadores e xogadoras dende unha idade máis temperá. “Só logo de 6 ou 7 anos os nenos empezan a ser competitivos, porque a habilidade co patín, a técnica, é un proceso que dura anos”, afirma Urdiales.

O club encargou este traballo a dous xogadores da entidade: Jaime Pérez de Lis e Leonardo Torres, “Tomba”, para que os froitos se vexan dentro duns anos. “Este empuxe á canteira é moi importante”, di Leonardo Torres. O VSK leva dous-tres meses facendo promoción calada a nivel de centros de ensino da cidade e agora volve á carga unha vez comece o curso escolar. A directiva da entidade viguesa integrada no programa Siareiros Elite da Fundación VIDE quere enganchar a futuros xogadores e xogadoras e a primeira quincena do curso, é dicir, as dúas semanas que faltan para rematar setembro, terá matrícula de balde para que mozos e mozas proben e decidan se queren aprender a xogar ao hóckey sobre rodas. O curso desenvolverase os martes e xoves durante dúas horas dende as cinco do serán, con independencia da propia actividade da entidade nas escolas deportivas municipais, para nenos e nenas de 6 a 18 anos.

O club quere gañar xogadores propios, pero tamén rematar coa desvantaxe histórica que ten fronte aos potentes conxuntos cataláns ou coruñeses. Porque o desenlace da historia ata a data é triste: “Cando imos xogar lonxe de Vigo e
perdemos claramente o neno sae chorando”, lembra Leonardo Torres. E o Vigo Stick quere fuxir do desánimo psicolóxico e mellorar. “A nosa aposta é a canteira”, di Urdiales.

Terá equipos de todas as idades e o prazo de inscrición na Federación Galega de Patinaxe conclúe o vindeiro día 22.