A Uvigo xa ten selección para os Campionatos de España universitarios, en Almería

uvigo1A Universidade de Vigo xa ten equipo para a disputa dos Campionatos de España universitarios de taekwondo, en Almería os días 22 e 23 de maio. Salvador Fontán e Erea Andrade seleccionaron a doce taekwondistas e agora só esperan por algunha dúbida máis (por lesións) para completar "un equipo para competir", explica Fontán.

A Uvigo porá no tapiz un equipo magnífico, tan bo como o que acabou subcampión en 2009 e que gañara o estatal universitario en 2006, 2007 e 2008. "A miña aspiración é estar entre os tres primeiros, pero imos pelexar polo primeiro posto", di o seleccionador universitario. Sobre a lista de 2009, por exemplo, Fontán recupera a Lúa Piñeiro, "que hai un ano foi unha baixa importante por lesión". Respecto da primeira edición dos Europeos universitarios (Braga 2009), a selección da universidade viguesa mantén o bloque con lixeiras novidades. E en Almería estarán os seus dous campións en Braga, a ribeirense Lara Ouviña e o vigués Pablo Casares, ademais de Rebeca Mariño (Boiro, 1983), campioa de España absoluta 2010 e Lúa Piñeiro (Caldas), tamén ouro en Alacante.

Tras cumprir co proceso de selección a fin de semana pasada, Salvador programou tres adestramentos máis no CGTD de Pontevedra antes de viaxar á cidade andaluza. O campionato ten a máxima puntuación para entrar na selección española universitaria que acudirá a Vigo (As Travesas) do 29 de xuño ao 4 de xullo para os Mundiais universitarios. O grupo sairá da puntuación obtida nos Campionatos de España absolutos, nos Europeos (14 ao 16 de maio, San Petersburgo) e en Almería 2010. Fontán apunta catro nomes con posibilidades: Rebeca Mariño, Lúa Piñeiro, Bruno García e o vigués David Vidal, "aínda que sempre salta algunha sorpresa". Con eles, Vigo e/ou a Uvigo darían aos Mundiais un valor engadido de proximidade.

A lista da Uvigo: Rebeca Mariño (-53 quilos), Miriam Docampo (-57), Lara Ouviña (-63), Lúa Piñeiro (-67), Sara Baños (-72), Ileane Rodríguez ( 72). Bruno García (-63 quilos), David Vidal (-68), Pablo (-74), Fernando Rascado (-80), Darío Daniel Pérez (-87) e Pablo Casares ( 87).