A Vigo Cup supera por primeira vez en dez anos os 200 equipos participantes

penaltiA Vigo Cup 2011, do 4 ao 10 de xullo, baterá todas as marcas de participación. Na súa undécima edición e décimo aniversario, o torneo internacional de fútbol base supera por primeira vez os 200 equipos inscritos de forma moi folgada, un rexistro que estivo a punto de alcanzar en 2004 e 2009 (194).

A tradición do campionato, nacido en 2001, consolidou esta proposta deportiva, que ademais neste ano recupera a clubs vigueses ausentes nas últimas edicións. Serán 217 equipos que pelexarán polo título en cinco categorías mixtas (sub 7, sub 8, sub 10, sub 12, sub 14), unha competición masculina (sub 16) e unha feminina (damas); o torneo feminino sub 16 foi anulado ao non se inscribir participantes.

Este verán, formacións de tres comunidades autónomas (Galicia, Castilla-León e Andalucía) e de Portugal competirán por alcanzar a vitoria no estadio de Balaídos. Precisamente do país veciño practicamente duplicouse a participación: veñen trece equipos de oito clubs, cando en 2010 só eran cinco os clubs que competían. Xunto cos tradicionais Escola de Futebol 115,  Fernando Pires, Adecas ou Maia, inscribíronse conxuntos setentrionais como o Taboeira (Aveiro) ou o Várzea (Barcelos); ademais, o C.D. Os Oliveirenses chega dende as Azores.

Para esta edición está garantida a presenza de todos os campións do exercicio anterior (salvo El Olivo sub 16), que defenderán título. Así, está inscrito o Cristo de la Victoria en sub 7, o Coruxo en sub 8, o Colexio Hogar en sub 10, o Areosa en sub 12, sub 14 e sub 16 e El Olivo no torneo feminino. O Olivo xogará por vez primeira a Vigo Cup xa como equipo da superliga de fútbol feminino.

Santa Mariña (14 equipos), Coruxo (12) e Cristo de la Victoria (11) son os clubs con máis representación no torneo. Ademais, o Real Club Celta presenta este ano cinco equipos para competir en sub 10, sub 12 e sub 14.