Éxito no I Campus de verán Trasnos BC

trasnoscampusO domingo 24 de xullo clausurouse o I Campus de verán Trasnos BC - Cidade de Vigo que na súa 1ª edición contou coa participación de 15 nenos e nenas de Vigo, na súa maioría procedentes de Trasnos Béisbol Club.

O Campus foi coordinado e dirixiu por Fernando Rodríguez Villanueva, actual responsable deportivo de Trasnos BC, e ex xogador e adestrador de categorías base no FC Barcelona os últimos 5 anos. Cabe destacar que Fernando é actualmente o único adestrador nacional de béisbol en Galicia cunha ampla experiencia deportiva.

O Club Trasnos tivo a sorte de poder contar con 2 expertos xogadores de béisbol neste Campus: Jason R. Friedman, xogador do equipo DH do FC Barcelona, actuais campións de liga e piching coach das categorías inferiores en Barcelona e da selección de Cataluña. Tamén participou neste Campus Eric Paez que con tan só 16 anos é picher da selección nacional junior e xogador do xuvenil do Barcelona.

Este Campus realizouse en colaboración con Aceimar, nas instalacións de Cabral. Grazas a iso se ha podido ofertar unha ampla serie de actividades adaptadas aos máis pequenos que completaron o programa deportivo que neste campus se ofrecía.

Dende o club, Fernando Rodríguez destaca que o Campus foi un éxito, e que o obxectivo de cara ao próximo verán é que participen nenos e nenas doutros clubs de Galicia, norte de Portugal e mesmo outras comunidades, para fomentar lazos entre os novos xogadores. Tamén se marcou como obxectivo seguir achegando a participación de xogadores e adestradores expertos en béisbol e en categorías inferiores para converter aos Campus de Trasnos en Campus de alto rendemento pensados para a mellora dos novos deportistas.

Este Campus está avalado pola Fegabe (Federación Galega de Béisbol e Sófbol) que axudou a TRASNOS a difundilo entre os clubs, institucións e entidades relacionadas co béisbol en Galicia.

As categorías base do club seguen adestrando ata o próximo 6 de agosto e estanse a preparar para participar na Liga Xogade deste outono. Actualmente o club conta con 33 nenos nos seus equipos alevín e infantís e espera alcanzar os 50 ao finalizar este ano 2011.