O Aldasa Amfiv debutará o 22 de outubro en Málaga ante o Clínicas Rincón Amivel

cesariglesiasA División de Honra de baloncesto en cadeira de rodas xa ten calendario para a tempada 2011-2012, unha campaña que se iniciará o fin de semana do 22 de outubro e que finalizará o próximo 22 de abril e que presenta como gran novidade a redución da competición a só dez equipos.

A decisión, adoptada na última reunión da Federación Española de Deportes de Personas con Minusvalidez Física, estaba prevista en principio para a seguinte tempada, a 2012-2013, pero a desaparición dun histórico como o Once Andalucía e a difícil situación económica xeral provocou que os clubs decidisen acometer a redución da competición un ano antes do previsto. Non obstante, o Once Andalucía non foi o único equipo en caer vítima das dificultades económicas posto que o Funhpaiin Peraleda toledano, que en principio figuraba no borrador inicial do calendario, anunciou fai escasas datas tamén a súa desaparición, pasando a ocupar o seu posto na máxima categoría o Amiab albaceteño. O mesmo desgraciado camiño que xa seguiran anteriormente os descendidos DKV Joventut e FC Barcelona-Unes San Feliu.

Afortunadamente, o Amfiv, contará por cuarta tempada consecutiva co patrocinio de Aldasa, un respaldo vital para que o conxunto vigués puidese asegurar a súa participación por noveno ano seguido na máxima categoría nacional do baloncesto en cadeira de rodas. O sorteo do calendario quixo que o conxunto de César Iglesias teña que afrontar na primeira xornada unha dos desprazamentos máis longos e complicados da tempada, ao disputar a primeira xornada liguera, o 22 de outubro, en Málaga ante o Clínicas Rincón Amivel. Mentres, o primeiro compromiso dos vigueses ante a súa afección no Pavillón de Bouzas será á seguinte fin de semana, o 29 de outubro, data na que recibirán ao Gran Canaria. E a terceira xornada levará ao Aldasa Amfiv á cancha dun dos recén ascendidos, o Hercesa de Alcalá de Henares.

Será o 5 de novembro antes de afrontar o primeiro dos cinco paróns cos que contará a División de Honra de baloncesto en cadeira de rodas esta campaña. O seguinte será entre a sexta e a sétima xornada para que xogadores, técnicos e afeccionados poidan gozar da ponte da Constitución e El Pilar.

Precisamente, a sétima xornada será a última que se celebrará neste ano 2011, o 17 de decembro, posto que despois deste compromiso os equipos terán un mes de descanso para celebrar as festas de Nadal antes de volver á competición o 14 de xaneiro xa de 2012 coa oitava xornada. A División de Honra non volverá parar xa ata o mes de abril, cando haberá outra fin de semana libre, o 11 e 12 abril, antes da disputa da antepenúltima xornada, o 17 de abril. A celebración da Copa do Rei e as distintas finais europeas provocará que entre esta antepenúltima xornada e os dous últimos compromisos ligueiros haxa un mes completo sen partidos da División de Honra.

Valoracións de César Iglesias

O técnico do Aldasa Amfiv, unha vez coñecido o calendario da tempada, destaca que "empezamos con equipos da parte media-baixa de n a clasificación. Son enfrontamentos que teoricamente temos que sacar adiante. Despois do primeiro parón da competición si que nos imos enfrontar a conxuntos que en principio van estar chamados a pelexar polos primeiros postos".

Iso si, César Iglesias confían en poder aproveitar ese teórico calendario favorable ao comezo da tempada. "Esperemos gañar en confianza con eses primeiros partidos para que cando nos enfrontemos aos rivais máis potentes ter xa na nosa cuadrícula un número importante de vitorias".

A decisión de reducir os paróns na División de Honra a practicamente a súa mínima expresión é acollida con alegría polo adestrador vigués. "Valoro positivamente que haxa menos paróns que o ano pasado porque se facía difícil coller o ritmo. Cando entrabas nunha dinámica positiva, parabas. É positivo para a liga o novo calendario. O único malo é o último mes de parón entre a antepenúltima e a última xornada. Pode ser bo para a xente que se estea a xogar cousas importantes porque terá tempo para prepararse debidamente. Nós esperamos estar nese grupo aínda que se desvirtúa un pouco a competición porque os equipos que están en postos nos que non se xoguen nada afrontarán ese mes case como o inicio das vacacións", analiza Iglesias, quen subliña que "a redución do número de equipos nunha competición sempre é negativa e, sobre todo, se se produce por culpa das penurias económicas que están a azoutar todo o deporte. Confiemos en que a situación poida repuntar porque se perde en calidade na competición e iso afecta negativamente ao propio torneo e á selección nacional".

 Calendario tempada 2011/12 (25.17 kB)