A San Silvestre, este sábado no parque de Castrelos, espera 1.500 participantes

1325091352ssilvestreCaballero presentou este mércores a VII San Silvestre viguesa, prevista para este sábado.

O alcalde, que estivo acompañado na presentación da proba atlética polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, o presidente do Club Atletismo Vigo, Evaristo Pereira, e polo representante do Banco de Alimentos, Pedro Pereira, animou á cidadanía a que se inscriba na carreira, "que é popular, solidaria e non competitiva".

A San Silvestre correrase no circuíto de Castrelos ás cinco da tarde, "a hora dos campións", dixo. A carreira, que se celebra de forma ininterrompida dende 2005 cando empezou cuns 200 deportistas, pretende superar os 1.500 participantes.

"Esta carreira ten unha característica importante", sostivo o rexedor vigués, "porque a inscrición custa un quilo de alimentos, e esta axuda é cada vez máis necesaria por diferentes razóns", indicou. A organización quere recoller 5.000 quilos de alimentos non perecedoiros, como en 2010, que se entregarán tras a proba ao Banco de Alimentos.

En ton relaxado e propio destas datas, o alcalde encargou ao concelleiro que faga "un quilómetro da proba" no seu nome porque el cre "unha distancia longuísima os 6 quilómetros previstos, que si os faría camiñando".

Pola súa banda, o presidente do club organizador, Evaristo Pereira, agradeceu o apoio das empresas privadas e tamén dos departamentos de Deportes, Política de Benestar e Limpeza, Parques e Xardíns e por Social e recordou que "nestes tempos moi difíciles esta iniciativa axudará a recadar moitos alimentos para os comedores sociais da cidade".

A carreira, de catro voltas ao circuíto de Castrelos, pode realizarse correndo ou andando porque non é competitiva (non hai tempos) e conclúe cunha chocolatada (chocolate e roscón) para participantes e acompañantes, ademais do sorteo de agasallos doados polas casas comerciais. Os 500 primeiros deportistas en inscribirse recibirán unha camiseta e dende o Club Atletismo Vigo lémbrase que dada a peculiaridade da inscrición, os participantes deberán acudir polo menos media hora antes do inicio do evento para recoller o dorsal.

Para rematar a rolda de prensa, o representante do Banco de Alimentos asegurou que dende a súa organización "estamos conmovidos pola solidariedade da poboación viguesa nun momento no que o perfil de quen vai ao comedor social cambiou drasticamente", dixo Pedro Pereira.