Comeza a nova tempada de Vigo en Xogo, con preto de 3.500 deportistas

venx2Vigo en Xogo, a competición recreativa (non federada) con maior número de equipos e participantes da cidade, comeza esta fin de semana e estenderase ata xuño de 2013.

Con preto de 270 equipos entre as competicións de fútbol sete (143), fútbol sala (94) e baloncesto (30), o torneo que organiza a Agrupación Deportiva Vigo baixo a presidencia de Alejandro Costas moverá esta tempada 2012/2013 a uns 3.500 participantes.

O Concello, a través da Concellería de Deportes, patrocina de forma relevante esta competición que durante nove meses dispútase en nove divisións de fútbol 7, seis de fútbol sala e tres de baloncesto. Os campionatos dirímense en todos os polideportivos municipais xestionados polo IMD e en oito campos de fútbol: Samil, Navia, Santa Mariña, CUVI, Meixoeiro, Sárdoma, Penedo da Moo e Valadares. A novidade esta tempada é o retorno ao Meixoeiro e que por vez primeira Vigo en Xogo levará partidos a Matamá.

A competición regular terá trinta xornadas es as datas libres polas pontes e festivos son as seguintes: 13-14 de outubro (festividade do Pilar), 8-9 de decembro (Ponte da Constitución), 5-6 de xaneiro (Reis), 30-31 de marzo (Semana Santa) e 18-19 de maio (Letras Galegas).

O concelleiro de Deportes, Manel Fernández, mantivo onte unha reunión co presidente da A.D. Vigo, Alejandro Costas, na que se tratou sobre a nova campaña e o apoio decidido da Concellería, IMD e VIDE como patrocinadores desta competición nacida nos anos 80 e que en 2001 adoptou a súa denominación actual. O concelleiro reafirmou o seu respaldo ao deporte de base e ao recreativo como elemento fundamental da política deportiva municipal.

 Calendario da tempada 2012-2013 por semanas (92.19 kB)

 Instalacións deportivas Vigo_en_xogo 2012-2013 (44.82 kB)