O australiano Nick Radovich empéñase en xogar no Amfiv e convértese na súa última fichaxe

nickA só uns días para o comezo da tempada na División de Honra, o Amfiv acaba de concretar unha inesperada incorporación, coa que pechará xa definitivamente o seu equipo para afrontar esta campaña 2013-2014. Trátase do australiano Nick Radovich, un xogador clase 3,5 que estivo xa durante estes últimos días en Vigo adestrando ás ordes de César Iglesias mentres se concretaba a operación.

A sorprendente chegada de Nick Radovich ao conxunto vigués ten dous causantes fundamentais -Agustín Alejos e o propio xogador australiano- e unha historia curiosa detrás que reflicte o tremendo interese mostrado por Radovich para vestir esta campaña a camiseta do Amfiv. "Ao rematar a pasada tempada, empezamos a buscar opcións para reforzar o noso xogo interior. Agustín Alejos falounos dun compañeiro seu no Queensland Spinning Bullets, un xogador clase 3,5, alto e con bo tiro, que podería ser interesante para nós. Vimos algúns vídeos e decidimos poñernos en contacto con el. Contando coa posibilidade de atopar algún posible patrocinador durante o verán, presentámoslle unha oferta xa bastante por debaixo do que están a ofrecer o resto dos clubs da Liga Española pero dentro das nosas posibilidades. E Nick aceptou", explica o máximo responsable deportivo do Amfiv, José Antonio Beiro.

Ata aí, unha negociación típica e tópica en calquera fichaxe. O interesante chegou uns meses despois, cando os esforzos do Amfiv para atopar algunha empresa que apoiase economicamente o seu proxecto non deron o resultado esperado e, ademais, en previsión de os máis que probables recortes nas subvencións das entidades públicas, o conxunto vigués viuse obrigado a rebaixar novamente o seu presuposto. Aí chegou o momento de poñerse en contacto de novo con Nick para comunicalo que "o sentiamos muchísimo pero que non ía poder ser, que non podiamos comprometernos e o facer vir a Vigo sen estar seguros de que iamos poder facer fronte ás cantidades pactadas durante toda a tempada", recorda Beiro.

A sorpresa foi maiúscula tras a súa contestación. "Coñecía a delicada situación económica do noso club a través de Agustín Alejos e entendía perfectamente a nosa postura. É máis, agradeceu moito a nosa sinceridade e honestidade pero tamén nos deixou claro que el quería xogar no Amfiv e que o diñeiro non ía ser un problema para conseguilo. A boa publicidade que Agustín fixera do noso club e da nosa cidade nos abría a posibilidade de conseguir unha fichaxe ao que economicamente non podiamos optar", puntualiza o director deportivo vigués, aínda sorprendido e agradecido polo xesto do australiano. "Non é normal que un xogador estranxeiro antepoña os sentimentos ao diñeiro e iso que no Amfiv xa estamos bastante acostumados a isto porque é o que tempada tras tempada fan os xogadores da casa, rexeitando ofertas máis suculentas economicamente para seguir defendendo a súa camiseta, a do equipo da súa cidade. Nick decidiu apostar esta tempada por nós, co compromiso de que a próxima campaña intentaremos compensarllo. O seu xesto dános novos ánimos para traballar aínda máis duro na busca de recursos e intentar que poida quedar moitos anos máis connosco", desexa Beiro.